Cultura e a ONCE porán en xogo recursos tecnolóxicos accesíbeis para gozar do Camiño

venres, 4 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación ONCE asinaron esta semana un acordo para traballar conxuntamente a prol da accesibilidade no Camiño de Santiago. A colaboración, segundo se fixo saber, materializarase a través do proxecto Camiño de Santiago, o teu compañeiro do Camiño, que ten como principal obxectivo crear unha rede de itinerarios xacobeos inclusivos e integradores, sen barreiras. Neste senso, botarase man das novas tecnoloxías para acadalo.
Máis en detalle, lanzarase unha solución para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos itinerarios asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesíbeis ligados aos seus puntos de interese e a integración de dita información cunha aplicación de guiado sensorial e ceibe de barreiras comunicativas.
A finalidade deste traballo é “que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil que sexa quen de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición dos puntos de interese liberada de atrancos”. Con isto, búscase facilitarlles a experiencia tanto no desprazamento en si mesmo como na interacción cos elementos da contorna.
O marco colaborativo entre Cultura e ONCe tamén inclúe unha versión accesíbel da aplicación do Instituto Xeográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.
Este acordo forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros. Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago.

PUBLICIDADE