Danse novos casos de phishing baixo o pseudónimo do Banco BBVA

mércores, 14 de decembro do 2011 Raquel Noya

As falsificacións de páxinas web cada vez son máis realistas

Os ciberdelincuentes amigos do alleo que durante unha tempada usaron a falsa identidade do banco BBVA para facerse coas claves dos seus clientes (mediante a técnica denominada phishing) e acceder así aos seus aforros, volve á carga de novo na Rede, e desta volta, en lugar de avisar que a conta está temporalmente bloqueada como fixeron durante un tempo, advirten de que a tarxeta de crédito ou débito “está suspendida para prever o seu fraude”.
Resulta realmente paradoxal que uns hackers que se dedican ao fraude en liña, empreguen agora a técnica do aviso de tentativa de fraude para facerse cos cartos dos usuarios, e máis paradoxal aínda que malia a tódolos avisos e advertencias, este tipo de estafas na Rede sigan a funcionar.
Sen embargo, botando unha ollada á suposta web na que os usuarios se deben rexistrar para volver a activar a súa tarxeta, é doado entender como a xente pode caer neste tipo de fraudes case de xeito automático pois non só é moi semellante á orixinal, senón que incluso a supera en funcionalidade, claridade da información e deseño.
O corpo do correo electrónico é o que nos indica a primeira vista que se trata dunha estafa, pois como vén sendo habitual, a coherencia e cohesión das verbas non é a axeitada e o castelán que usan deixa bastante que desexar. Porén sempre hai algún despistado ou despistada que pode “picar” e neste caso é bastante doado confundir a web falsa coa orixinal pois indica de modo moi correcto que “para reactivar su tarjeta haga click”... o que pode levar a equívocos.
Xa que logo, e para evitar disgustos nos vindeiros días, compre ter tino con este e outros casos de phishing que chegan ao noso correo e a mellor maneira de facelo é ter un bo filtro de spam e comprobar moi ben a legalidade dos remitentes dos nosos correos.

Páxina web fraudulenta que imita a aparencia de BBVA.es
Páxina web orixinal do BBVA