Declárase en bancarrota unhas das principais empresas de cambio de BitCoin

venres, 28 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Durante esta semana moitos foron os rumores sobre o futuro dunha das empresas de cambio de BitCoin máis empregadas a nivel mundial, a xaponesa Mt. Gox, tras o peche da súa páxina web e a filtración de documentos que daban a entender que padeceran un roubo masivo dos seus fondos na popular criptomoeda, e finalmente The Wall Street Journal informa de que a compañía decidiu declararse en bancarrota, tras a perda duns 750.000 BitCoins dos seus clientes e outras 100.000 moedas virtuais da propia compañía, o que representaría uns 343 millóns de euros.
O avogado da empresa informou de que a débeda de Mt. Gox ascende actualmente a 6.500 millóns de iens, que non poden cubrirse cos seus activos actuais por valor de 3.840 millóns de iens, de aí que busquen a protección dun concurso de acredores.
O director xeral de Mt. Gox, Mark Karpeles, explicou que a primeiros de febreiro produciuse un acceso ilegal aos seus sistemas, realizándose unha retirada masiva de BitCoins, o que levounos a iniciar unha investigación e, finalmente, cesar actividades para evitar maiores danos.
Pero os clientes deste servizo en liña non permanecen inamovibles, e dende EE.UU. xa hai un usuario que anunciou que vai emprender medidas legais contra Mt. Gox por ter perdido máis dun millón de dólares tras os ataques aos sistemas da empresa nipoa. Gregory Greene acusa a Mt. Gox e ao seu director xeral de neglixencia e fraude por non protexer os seus fondos contra o roubo, aínda que non parece que a reclamación vaia ter os seus froitos ante a insolvencia de Mt. Gox.

PUBLICIDADE