Defensa cede o edificio da Fábrica de Armas á Universidade da Coruña
martes, 18 de febreiro do 2020
O reitor, Julio Abalde, asinou
esta mañá na Delegación do Goberno a acta de cesión do edificio da Fábrica de
Armas do Ministerio de Defensa á Universidade da Coruña co secretario de
Estado de Defensa, Ángel Olivares, nun acto presidido polo Delegado do Goberno
en Galicia, Javier Losada. Para o reitor «hoxe é un día de alegría para Galicia
e que vai marcar un antes e un despois na Universidade da Coruña».
O reitor sinalou que o acto de sinatura da cesión das
instalacións da Fábrica de Armas é «o inicio dunha oportunidade para que a UDC
poida dar un salto cualitativo» e reafirmou na responsabilidade da Universidade
da Coruña coa sociedade, que motiva a presentación de proxectos que sexan de
aproveitamento coa aportación de innovación e investigación ao tecido produtivo
de Galicia.
O secretario de Estado de Defensa salientou que do uso que
terán estas instalacións, coa aportación e desenvolvemento de coñecemento e
tecnoloxía, poderán aproveitarse tamén as Forzas Armadas, polo que «este
proxecto pilotado pola Universidade da Coruña beneficiará tamén á defensa do
país». Olivares lembrou que Defensa é o maior propietario de solo de España e a
xestión deste patrimonio está ao servizo da sociedade.
A Universidade da Coruña logo de asinar a acta de cesión ten
un prazo duns días para que se faga efectiva a acta de entrega, momento en que
a UDC terá a concesión das instalacións por un período de 25 anos prorrogables
por outros 25.
No acto, celebrado na Delegación de Defensa, estaban a
alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín
González Formoso, o Delegado de Defensa na Coruña, Antonio Bernal, a
Subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López Riobóo, o director Xeral do
Igape, Juan Cividanes, o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Villoslada, o
voceiro do Goberno Municipal, José Manuel Lage Tuñas, o presidente do Consello
Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril, o presidente do Cluster TIC,
Antonio Rodríguez del Corral, o vicerreitor de Profesorado e Planificación
Docente da UDC, Alberto Valderruten, o secretario Xeral da UDC, Carlos
Aymerich, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia,
Salvador Naya, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo
Calvo, o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da
Comunicación, Manuel González, a Comisionada do reitor para o proxecto Cidade
das TIC, Amparo Alonso, o xefe do Estado Maior da Forza Loxística Operativa,
Alfredo Pérez, o secretario Xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la
Fuente, e os extraballadores da Fábrica de Armas Roberto Teijido e José
Carrillo.
