Dell presenta novos monitores 4K cun prezo axustado

venres, 5 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Agora que a alta definición xa se impuxo en televisores, ordenadores persoais e dispositivos móbiles, moitos buscan dar un paso adiante, e Dell está a facilitar o salto á ultra alta definición cos seus novos monitores 4K que teñen un prezo relativamente asumible, o que agradecerán especialmente profesionais do deseño e da edición de vídeo.
Deste xeito temos un par de pantallas cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles, o que equivale a catro pantallas Full HD, conseguindo unha maior definición para traballos nos que a precisión resulta crucial. Estes monitores IPS tamén presumen dunha grande fidelidade nas súas cores, cubrindo o 99% do perfil de cor sRGB.
Aínda que os monitores deste tipo estivesen até o momento no contorno dos mil dólares, os novos Dell P2415Q e P2715Q chegan ao mercado a 599,99 e 699,99 dólares respectivamente (485,48 e 566,40 euros), estando dispoñibles a nivel mundial dende esta mesma semana.
Este monitores tamén gozan de boa conectividade, integrando DisplayPort 1.2 (facilitando o encadeado de 2 monitores), inclúe portos USB 3.0 que incluso serven para cargar a alta velocidade outros dispositivos e tamén é compatible con MHL para ver imaxes de smartphones ou tabletas en pantalla grande.

PUBLICIDADE