As aplicacións que permite comunicarse en vídeo dispararon o seu uso nas últimas semanas, e unha que para moitos era unha grande descoñecida, Zoom, cobrou unha grande relevancia en distintos medios en liña, converténdose nun produto de moda que moitos están a animarse a probar, pero iso tamén espertou a preocupación sobre a súa seguridade (lembremos que o ano pasado padeceu un grave fallo de seguridade que permitía acceder ás webcams dos seus usuarios) e política de privacidade que resultou estar xustificada, xa que veñen de denunciar que a aplicación de Zoom para iOS envía datos a Facebook incluso aínda que o usuario que emprega a ferramenta careza de conta de Facebook.
Se ben é moi habitual que as aplicacións estean desenvolvidas empregado algún kit de desenvolvemento de Facebook para facilitar a creación de certas funcionalidades, o feito de que os usuarios de Zoom non sexan advertidos de que teñen información súa circulando por servidores de Facebook, nin sequera nos amplos documentos de política de privacidade, é algo que non pode tolerarse, e leva a pensar que Zoom non é unha compañía que preste atención á información persoal dos seus usuarios (como moitas outras empresas estadounidenses).
Entre a información que Zoom compartiría con Facebook estaría cando o usuario abre a aplicación e detalles como o modelo do dispositivo empregado, a zona horaria, a cidade dende a que se establece a conexión, o operador móbil que está a empregar e incluso un identificador único para publicidade, información que para algúns non resultará preocupante, pero da que o usuario debería ter a opción de decidir sobre o seu tratamento (especialmente se está en territorio europeo).
ACTUALIZACIÓN: Despois de desvelarse que a aplicación
de Zoom para iOS compartía información con Facebook incluso aínda que os seus
usuarios non tivesen conta na plataforma social de Mark Zuckerberg, dende a
compañía tomaron medidas, eliminaron
da aplicación o código que remitía datos a Facebook e pediron desculpas
polo acontecido.
