Descubregalicia.com engade aos seus fondos a visita virtual de Sanxenxo, Portonovo e O Grove
mércores, 6 de xuño do 2012
A web interactiva Descubregalicia.com, creada por
Factoría Eurodigital para dar conta das principais vilas e enclaves da xeografía
galega que ningún turista debería deixar de visitar (aínda que sexa a través da
pequena pantalla), vén de engadir ao seu catálogo de visitas virtuais en 360º
as vilas de Sanxenxo, Portonovo e O Grove, que se unen ás de Santiago de
Compostela e Cabeza de Manzaneda, habilitadas xa dende hai un ano.
Segundo aseguran, un ano
atrás Santiago de Compostela “convertíase
na primeira cidade virtual interactiva de Europa” que a comunidade
internauta podía visitar a golpe de click
comodamente dende o seu fogar.
Agora os turistas
virtuais tamén teñen á súa disposición as devanditas vilas das Rías Baixas,
podendo visitalas a través do ordenador dende calquera lugar do mundo e a calquera
hora do día, para asegurarse de que merece a pena a súa visita este verán (o
que, por certo, non dubidamos pois estamos a falar das tres localidades coa
meirande proxección turística de Galicia).
A ferramenta permite
percorrer en detalle os tres enclaves grazas á visión en 360º, un formato
panorámico que se converteu no selo identificativo e inconfundible desta
empresa pontevedresa.
O servizo está dispoñible
na plataforma Descubregalicia.com polo que unha vez dentro, o internauta tan só
terá que escoller a localidade que desexa visitar para iniciar un percorrido
virtual polas súas rúas e enclaves.
A maiores, o sistema
permite acceder a un amplo abano de información que inclúe aloxamentos,
restaurantes, establecementos comerciais e de ocio... así como datos de
utilidade sobre as praias, os miradores e as paraxes naturais que lle dan fama
a estes paraísos da costa galega.
Para o director de
Factoría Eurodigital, José Manuel García, a plataforma resulta de gran
utilidade para o sector turístico do país, pois “pode axudar na tarefa de desestacionalizar o turismo” ao tempo que
resulta moi práctica e vantaxosa para “vender
a imaxe de Galicia no mundo”.
Durante 2011,
Descubregalicia.com, que supera os 24.000 seguidores en Facebook, recibiu un
total de 250.594 visitas procedentes de 142 países diferentes, e rexistrou nada menos que 2.565.020 páxinas
vistas, das cales 1.400.000 corresponden a percorridos en 360º.