Desenvolven un software que avalía o rendemento dos supercomputadores

venres, 28 de maio do 2010 Raquel Noya

Un equipo de investigadores formado por persoal do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC) e do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vén de desenvolver a primeira suite de microbenchmarking para a linguaxe de programación paralela Unified Paralle 1 C (UPC), que será liberado para o seu uso pola comunidade investigadora do noso país.
Asemade, este software bautismado como UPC Operations Microbenchmarking Suite (UOMS), servirá como banco de probas para comprobar o rendemento das implementacións da linguaxe UPC. A nova ferramenta permítelle aos avaliadores comprobar o rendemento da execución dunha serie de operacións para unha ampla gama de tamaños de problema e para configuracións de sistemas actuais e futuros.
Según sinalou Ricardo Capilla Pueyo, Presidente do CESGA e Director Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, “este desenvolvemento é un claro exemplo da capacidade de transferencia dos nosos grupos de investigación”, palabras que viñan a conto porque no proxecto colaboran o propio CESGA, Hewlett-Packard (HP) e os grupos de arquitectura de computadores da UDC e da USC.
O traballo introduce unha suite que pretende cubrir a falta de ferramentas para a avaliación de implementacións de compiladores da linguaxe UPC. As linguaxes PGAS (Partitioned Global Address Space) como UPC, debido á súa xuventude, carecen dalgunhas ferramentas e librarías necesarias.
Xa que logo, UOMS aborda a falta de ferramentas de avaliación do rendemento de operacións UPC, tanto colectivas como de sincronización e de xestión e copias de memoria. Segundo informan dende a entidade, “o desenvolvemento e liberación de UOMS a linguaxe UPC está preparada para afrontar o próximo paso na súa evolución”.

PUBLICIDADE