Desestiman a demanda de Telecinco contra YouTube

xoves, 23 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A xente de Google anuncia hoxe «unha grande vitoria para a Internet», que non é outra cousa que a desestimación por parte do xulgado mercantil número 7 de Madrid da demanda de Telecinco contra YouTube por considerar que o servizo de vídeo na web atentaba contra os dereitos de propiedade intelectual da canle de Fuencarral.
O xulgado rexeita o argumento de Telecinco que sostén que YouTube é responsable dos contidos cargados polos seus usuarios, especialmente porque o servizo de vídeo conta con mecanismos para retirar o material que vulnere o copyright tras reclamación do propietario lexítimo dos vídeos, resultando totalmente inviable o control previo que esixía Telecinco (lembremos que actualmente YouTube recibe 24 horas de vídeo por minuto).
A sentenza asegura que «YouTube non é un provedor de contidos e, por tanto, non ten a obriga de controlar ex ante a ilicitude dos que aloxen na súa web; a súa única obriga é precisamente colaborar cos titulares dos dereitos para, unha vez identificada a infracción, proceder á inmediata retirada dos contidos».
Os titulares de dereitos de autor xa contan dende hai tempo cunha ferramenta que identifica con bastante acerto os seus contidos na Rede, para poder decidir o que facer cos mesmos, de xeito que podemos ver coma nuns casos aproveitan os vídeos cargados polos usuarios para rendibilizar a súa publicidade ou promover a compra de temas musicais en iTunes, aínda que outras compañías frean a súa distribución a través de YouTube no que moitos consideran pouco atinado, pois existen métodos alternativos para acceder aos contidos que non xeran ingresos económicos para as canles de televisión (e outras entidades que xestionen dereitos de reprodución).
Pese a todo, Telecinco presentou un recurso de apelación contra esta última sentenza que vai na liña doutras resolucións tras denuncias de canles de televisión doutros países.

PUBLICIDADE