Despacito xa é a canción máis reproducida na historia de YouTube

venres, 4 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Hai menos dun mes comentamos que o vídeo musical de See You Again de Wiz Khalifa superara en volume de reproducións ao Gangnam Style en YouTube, arrebatándolle a coroa que mantiña dende 2012, pero indicando que esta vitoria sería pírrica, xa que había un tema que ameazaba con colocarse en cabeza antes de rematar o verán, o Despacito de Luis Fonsi con Daddy Yankee, que pisou o acelerador e con 2.999 millóns de reproducións xa supera nuns 5 millóns de reproducións ao vídeo de Wiz Khalifa, de xeito que nunha marxe de tempo moi reducida non só vai ser o vídeo máis reproducido na historia de YouTube, senón que tamén será o primeiro vídeo en superar os 3.000 millóns de reproducións.
Ao Gangnan Style levoulle preto de 2 anos superar a barreira dos 2.000 millóns de reproducións en YouTube, algo que See You Again fixo en 515 días e Despacito en 154 días, pero agora teremos que deixar de empregar esa marca para medir os superéxitos do vídeo en liña, porque a nova marca a superar está nos 3.000 millóns, deixando claro que cada vez hai máis usuarios conectados e con mellores accesos, o que supón un maior consumo de contidos multimedia a nivel global.
Volvendo a Despacito tamén podemos lembrar que o tema de Luis Fonsi tamén lidera os boa parte das listaxes musicais de todo o mundo e tras superar os 4.600 millóns de reproducións en plataformas de música en streaming tamén bateu unha marca histórica. Temos así que o Despacito pode compararse moi directamente co Gangnam Style, pois ao igual que o tema de PSY deu unha grande proxección ao K-pop, a canción de Fonsi está a ter un efecto semellante na música latina.

O vídeo musical de Despacito será o primeiro en superar os 3.000 millóns de reproducións

PUBLICIDADE