Tras a denuncia por parte de Wladimir Palant (desenvolvedor de Adblock Plus) de que o software de Avast que instalamos como antivirus ten un comportamento semellante ao do software espía dende Motherboard e PCMag desenvolveron unha investigación na que non só confirman este funcionamento, senón que tamén desvelan que a compañía detrás do software de seguridade informática dedícase a vender conxuntos de datos de navegación dos seus usuarios a compañías como Microsoft, Google, Pepsi, Yelp, Sephora, Condé Nat e moitas outras.
Ao parecer Avast tería cobrado millóns de dólares a algúns dos clientes por achegar información de máis de 435 millóns de usuarios activos relativos ás buscas en Google e Google Maps, visualización de vídeos de YouTube, consultas de páxinas de LinkedIn e incluso accesos a páxinas con contidos pornográficos, aínda que aseguran que a información estaría debidamente anonimizada.
Actualmente Avast recoñece que incorpora aos seus usuarios como panelistas de Jumpshot, pero o xeito de realizar tal acción non parece ser suficientemente claro para os usuarios, que en poucas ocasións son conscientes de que están a vender os seus datos de navegación para o seu uso comercial, aínda que boa parte dos consumidores non teñen reparos nese tipo de seguimento, que en boa medida emprégase para optimizar o funcionamento de servizos en liña ou o seu posicionamento en buscadores. O principal reparo que poñen a estas prácticas é a posibilidade de que poidan rachar o anonimato dos datos vendidos, de aí que publicacións como PCMag deixase de recomendar o antivirus de balde de Avast aos seus lectores.
Desvelan que Avast vende a información de navegación web dos seus usuarios
Compartir Este Artigo
