Desvélase a identidade da filtradora dos informes internos de Facebook

luns, 4 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O célebre programa televisivo estadounidense 60 Minutes entrevistou esta fin de semana a Frances Haugen, enxeñeira informática por Harvard e analista de datos, que traballou durante 15 anos para compañías como Google e Pinterest, e que desvelouse que é a responsable das filtracións de informes internos de Facebook que deixaban claro que a compañía de Mark Zuckerberg está a adoptar políticas nocivas para os usuarios con plena consciencia, ao antepor os beneficios económicos á responsabilidade social da compañía.
Na entrevista Haugen recoñeceu ter entrado a traballar en Facebook precisamente para arranxar os grandes problemas que estaba a causar a compañía, pero tras constatar que non existía propósito de emenda por parte de Facebook (compañía que considera moito peor que o resto de plataformas sociais nas que traballou anteriormente), decidiu recadar probas da situación antes de abandonar a empresa o pasado mes de maio.
Son moitas as afirmacións que realiza Haugen que van claramente en contra da versión oficial da compañía de Mark Zuckerberg, pero dado que fai as declaracións aportando probas ten unha credibilidade da que carecen os de Facebook, dos que hai demasiadas evidencias en contra. Por exemplo, acúsase a Facebook de promover os contidos que anoxan e polarizan aos usuarios, de aí que non estean a tomar as debidas medidas contra a desinformación e o discursos de odio, xa que loitar contra certos contidos iría contra os intereses económicos da compañía.
Entre as moitas cousas que Haugen bota en cara a Facebook cómpre destacar a falta de moderación fóra dos EE.UU., xa que asegura que como cada idioma que se pretende moderar custa cartos, iso leva a que canto máis cativo sexa un país máis doado é que teña menos recursos destinados á moderación de contidos, facendo demasiada doada a difusión da desinformación, o que pode chegar a provocar mortes.
Dende Facebook continúan a rebater as informacións filtradas, matizando os informes filtrados e asegurando que si están a esforzarse na moderación do contido e rexeitando ter responsabilidade na polarización política que impera na súa plataforma, aínda que estas respostas parecen basicamente un escudo legal fronte as responsabilidades que poidan esixirlles no futuro.

PUBLICIDADE