Dezaseis investigadores incorpóranse ao CITIC para o seu proxecto de loita anti-COVID

venres, 2 de xullo do 2021 S. P.

Este 1 de xuño incorporáronse ao Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) dezaseis investigadoras e investigadores que se integrarán ao equipo do proxecto CEDCOVID (Ciencia e enxeñería de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19). O novo equipo investigador desenvolverá durante os próximos tres meses tarefas de procesamento, análise e visualización de datos relacionados coa pandemia de coronavirus.
O investigador principal do proxecto, Ricardo Cao, foi o encargado de recibir ás novas incorporacións e explicarlles en detalle o seu labor nos próximos meses. Tamén o acompañaba o subdirector do CITIC, Javier Pereira, e membros do equipo investigador do proxecto.
O proxecto CEDCOVID fundaméntase nunha solución baseada en aplicación web e aplicación móbil para a recollida de datos que ofrecerá modelos de predición xeral e individual para detectar anomalías con visualización xeolocalizada.
Asemade, céntrase no desenvolvemento de funcións avanzadas de procesado de datos con intelixencia artificial. Conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación e o cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

PUBLICIDADE