Dispositivo para dotar ao iPhone e o iPad de TDT

mércores, 3 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Os terminais móbiles de Apple poden recibir nas súas pantallas as emisións televisivas coa axuda dun PC cun sintonizador de televisión e unha aplicación informática que remita o sinal a través de streaming, pero tamén é posible facer o mesmo sen contar dun ordenador para o proceso grazas a Tizi, un sintonizador de TDT externo, cunha antena flexible, batería recargable por USB (cunha autonomía de 3,5 horas), un peso de 70 gramos e un prezo de 149,95 euros.
Este trebello é capaz de remitir o sinal da TDT a un iPad, iPhone (3GS ou 4 con iOS 4) ou iPod Touch (de 3ª ou 4ª xeración cun mínimo de 32 Gb de capacidade) a través de Wi-Fi (IEEE 802.11b/g), pois opera coma un punto de acceso sen fíos e tamén inclúe unha aplicación para recibir o sinal televisivo que é compatible coas funcións multi-tarefa de iOS 4, de xeito que os usuarios poden botar unha partida aos seus xogos favoritos durante as pausas publicitarias (aínda que os usuarios de iPad non poderán gozar de tal función ata recibir a actualización do seu sistema operativo).

PUBLICIDADE