Dous novos tocadiscos de Sony para os amantes do vinilo

xoves, 22 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Sony amplía a súa gama de tocadiscos con dous novos modelos sen fíos pensados tanto para principiantes como para audiófilos. A compañía niopoa presentou o PS-LX3BT e o PS-LX5BT, dúas propostas deseñadas para facilitar o acceso ao son rico e auténtico do vinilo, combinando manexo sinxelo, conectividade avanzada e un deseño atemporal.
Ambos tocadiscos están orientados a públicos distintos pero comparten unha mesma filosofía: facer que escoitar discos de vinilo sexa unha experiencia cómoda, estable e de alta calidade, tanto mediante conexión sen fíos como por cable.
Os dous modelos contan cun sistema de reprodución totalmente automática cun só botón e conectividade Bluetooth compatible con aptX, aptX Adaptive e audio sen fíos en alta resolución, o que permite reproducir música con gran nivel de detalle. Incorporan tamén un cartucho de alta calidade, control de ganancia con tres niveis, prato de aluminio e tapa transparente antipó. Son compatibles con discos de 33⅓ e 45 revolucións por minuto (7 e 12 polgadas) e entréganse en embalaxes reciclados, en liña co compromiso de Sony coa sustentabilidade.
O PS-LX3BT preséntase como a porta de entrada ao mundo do vinilo. Dirixido a quen se inicia ou busca unha configuración sinxela para o día a día, aposta por un deseño refinado e discreto que encaixa facilmente en calquera espazo doméstico. Inclúe cable de audio e ecualizador phono integrado, o que permite comezar a escoitar discos de inmediato, ofrecendo un son analóxico cálido e unha lectura suave pensada para un uso cotián. O seu prezo de venda ao público recomendado é de 299 euros.
Pola súa banda, o PS-LX5BT está orientado a usuarios que queren dar un paso máis en calidade sonora. Este modelo incorpora melloras de carácter premium destinadas a aumentar a precisión do audio, cun corpo ríxido dunha soa peza, brazo de aluminio, alfombra de goma e un deseño de circuítos optimizado para reducir vibracións non desexadas e preservar a pureza do son. O conxunto complétase cun cartucho de maior nivel, capaz de ofrecer un son máis rico e unha escena sonora ampla, pensado para escoitas máis atentas e dedicadas. Ademais, dispón dun conector de audio chapado en ouro para conexións por cable de alta calidade e dun deseño minimalista que busca integrarse de maneira elegante en calquera interior. O prezo deste tocadiscos é de 399 euros.

Vídeo promocional do tocadiscos PS-LX3BT