Down Ourense e Vodafone impulsan a inserción laboral pola vía das TIC

luns, 29 de maio do 2017 Redacción

A organización Down Ourense e a Fundación Vodafone España presentaron a semana pasada, no centro La Molinera de Ourense, os resultados dunha iniciativa encamiñada a avanzar formación tecnolóxico-dixital con vistas á inserción laboral das persoas do devandito colectivo. Trátase de H@ppy Day (Yo me prep@ro), unha proposta dirixida tamén aos empresarios, aos que se busca sensibilizar acerca da súa importancia como axentes derrubadores de barreiras, atrancos e estereotipos. Ou sexa, que se procura conciencialos acerca das vantaxes de empregar persoas con síndrome de Down. Na presentación, de feito, participaron representantes do tecido empresarial de Ourense, así como usuarios da devandita organización local, que relataron a súa experiencia ao abeiro do dito programa, coa axuda do cal acadaron finalmente un posto de traballo.
Na sesión lembrouse que Yo me prep@ro é un programa financiado pola Fundación Vodafone, sendo o seu obxectivo fornecer ás persoas con características intelectuais diversas as ferramentas e estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a través das diferentes tecnoloxías implantadas na sociedade: acceso a Internet, uso do computador, acceso a redes bancarias informatizadas, comunicación a través da telefonía móbil ou fixa, consultas en organismos públicos, programación e uso da televisión e DVD, entre outras operacións e recursos.
No acto interviñeron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense e Concelleiro de Servizos Xerais, Promoción Económica e Emprego, Jorge Pumar; a vicepresidenta de Down Ourense, Mila Requejo; e o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro. Tamén se contou coa presenza de representantes do sector empresarial, como Natalia Barreiros, responsable de Merkal Calzado; Carlos Mata, responsable da empresa Primux, e Verónica Pardellas, usuaria de Down Ourense.
Na súa intervención, a vicepresidenta de Down Ourense, Mila Requejo, agradeceu que programas como Yo me prep@ro axuden ás persoas coa síndrome de Down a formarse en novas tecnoloxías, indispensables para atopar traballo. Requejo explicou que “dos 8 mozos de Down Ourense que participaron neste curso, 4 conseguiron un contrato de traballo e 6 realizaron prácticas en distintas empresas da cidade”. O responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro, felicitou a Down Ourense polos resultados obtidos, e enxalzou o carácter nacional do programa, que celebra a súa terceira edición. Pola súa banda, o impulsor da empresa Primux, Carlos Mata, compartiu a súa experiencia contando cun traballador coa síndrome de Down: “Estamos totalmente satisfeitos con el; leva xa algo máis dun ano, e queremos que siga no noso persoal; convidaría a calquera a velos traballar no día a día, e a aprender coa experiencia”.
Máis detalles sobre o programa en Ourense
Na provincia están a recibir formación prelaboral TIC oito usuarios de Down Ourense. Estes alumnos sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total, serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-titoriais que debullarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da Internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.
Desde a súa posta en marcha en 2014 este programa conseguiu 222 contratos para alumnos coa síndrome de Down.