E-Ponte.com achega dúas formacións online sobre mercadotecnia e escaparates
xoves, 11 de marzo do 2021
O
servizo E-Ponte.com, o mercado en
liña do comercio pontevedrés impulsado pola Concellería de
Promoción Económica en colaboración coa plataforma #PonteLovers,
prepara dous obradoiros para a vindeira semana destinados, cada un ao
seu xeito, a mostrar técnicas para vender máis e mellor e captar
novos clientes (e mantelos no tempo). Trátase
dun curso sobre mercadotecnia (marketing) na actividade
comercial e outro sobre montaxe de escaparates. Terán un total
de 160 e 100 horas de formación online, respectivamente.
Estes
cursos, segundo indica o Concello, permitirán aproveitar “este
complicado momento de crise sanitaria e económica para adquirir
novos coñecementos, actualizarse e reinventar os negocios”.
A
formación online de técnicas e tecnoloxías de mercadotecnia
comezará o xoves 18 de marzo e finalizará o martes 18 maio, mentres
que o de escaparatismo iniciarase o martes 16 de marzo e rematará o
venres 7 de maio.
En
total hai 15 participantes, dos cales a metade son empresas da
cidade.
A
actividade formativa sobre marketing terá como obxectivo
“identificar os elementos básicos relativos á mercadotecnia, o
mercado, o produto, os prezos, a investigación comercial, o
consumidor, a distribución e a comunicación comercial necesarios
para desempeñar as funcións de apoio e colaboración na aplicación
e seguimento das políticas de marketing na empresa”.
No
curso de escaparatismo abordaranse os labores de desenvolvemento do
deseño da montaxe dun escaparate, seguindo os programas de deseño
máis empregados.
