EGANET reforza o seu compromiso con Culturgal, onde amosará o potencial creativo das TIC
venres, 18 de novembro do 2011

- Un pouco de público nunha das anteriores edicións de Culturgal, imaxe da man de Vieiros
A feira Culturgal xa se albisca ao lonxe e, aínda que non sexa un encontro propiamente dixital, tócanos de preto en Código Cero porque xa son poucas as novas achegas culturais que non veñan da man das canles tecnolóxicas de todo tipo, tirando proveito delas ou abeirándose a elas. Esta nova cita, a cuarta edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, servirá polo tanto para tomarlles o pulso a dous sectores e de xeito simultáneo e complementario: o da cultura e o das TIC. Así nolo recordan asociacións como EGANET, que está a afianzar o seu apoio á feira, que ten prevista a súa apertura para o día 2 de decembro en Pontevedra.
EGANET participa na organización do evento e tamén no propio miolo da feira, xa que contará cun stand de seu no espazo Garaxe, dedicado á divulgación das novas tecnoloxías do coñecemento, os novos medios e a produción audiovisual. Esta presenza, sinala a asociación, será sen dúbida especialmente frutífera, ao ser as TIC un complemento imprescindible para o alicerce de Culturgal... e viceversa. De feito, EGANET e as súas empresas compartirán espazo con produtoras independentes, medios de comunicación e tendas en liña. “Este espazo”, informa a asociación, “terá moito movemento, xa que algúns dos medios farán os seus programas en directo dende alí, proxectarase material audiovisual variado e haberá presentacións de filmes e demostracións de produtos tecnolóxicos orientados á cultura”.
O programa do Culturgal 2011, con todo, é algo máis que tecnoloxía ao servizo da cultura e o turismo. En realidade, moito máis. De feito e segundo nos lembra EGANET, abrangue as múltiples manifestacións culturais que abrollan dende Galicia, desde a danza ata a música, do teatro á gastronomía. O Pazo da Cultura de Pontevedra será o escenario do evento, proposto literalmente como un clásico fogar, cos seus cuartos ou dormitorios “ideados segundo as necesidades das máis de 130 actividades e 73 postos que se darán cita neste fogar da cultura galega durante a fin de semana”. O espazo de encontro e de diálogo será o mesmo que adoitamos a dedicar, de termos unha casa grande, ao encontro, ao diálogo e, de habelas, ás actuacións: o patio. Disporá dun bar con programación interrompida de showcases de música, teatro e danza, un menú degustación co que o público poderá saborear o que está a cocerse no panorama cultural máis actual. Por certo que tamén haberá actividades na rúa e noutros recontos da cidade e mesmo unha estancia para os nenos, no propio Culturgal, onde se desenvolverán roteiros literarios, obradoiros e todo tipo de xogos.
