EGANET reivindica a banda larga para todo o territorio galego
venres, 4 de abril do 2008 ,

- Luz Castro e Beatriz Legerén lideran a directiva de EGANET
O pasado 31 de marzo, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías, EGANET, elixiu a nova xunta directiva para representar á entidade os dous vindeiros anos, constituíndose finalmente o seguinte equipo:
Beatriz Legerén (Interacción), Presidencia.
Luz Castro (Imaxin), Vicepresidencia 1ª.
José Miguel Casal (Shylex), Vicepresidencia 2ª.
Víctor López (AVA), Secretaría.
Daniel Cerqueiro (Galinus), Tesourería.
Trátase polo tanto dunha composición que rompe cos estudos de xénero no sector ó estar liderada por dúas mulleres, algo que, segundo os organizadores, “é unha situación inexistente nos cadros directivos da práctica totalidade das empresas TIC galegas”.
Dentro do plan de accións que vén de marcar a nova directiva, salienta a reivindicación ás administracións competentes para que a banda larga sexa unha realidade en todo o territorio galego pois, segundo afirman, “a situación de discriminación actual non pode continuar, posto que xera un grave prexuízo tanto para a cidadanía como para o tecido empresarial”.
A adaptación ás novas tecnoloxías é unha necesidade urxente, tal e como indican os últimos estudos nos que Galicia ocupa os últimos postos. EGANET asegura que “é imposible avanzar coas actuais estruturas non funcionais e que nos deixan unha realidade propia do século pasado”.
É por isto que os principais eixes de traballo que pretende levar a cabo a entidade galega nos vindeiros dous anos de lexislatura serán liderar a creación dunha marca que identifique o software galego e conseguir unificar estratexias de accións con outras asociacións e institucións.
