EGANET reivindicará en Vigo un sector TIC igualitario

mércores, 7 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Luz Castro, nun acto recente de divulgación sobre o papel da muller nas redes sociais

Con todo o innovador que pon en xogo, o sector das novas tecnoloxías da información reproduce, por desgraza, certas eivas sociais, económicas e laborais relativas á desigualdade de xénero que se arrastran dende hai séculos. Se cadra en menor medida que outros sectores, pero aí están, e, se temos ollos para velas, verémolas en múltiples situacións. Loitar contra isto e contribuír a que o devandito tecido produtivo faga honra aos adxectivos que se lle dedican (innovador, moderno e, polo tanto, con arela de progreso) é un dos moitos obxectivos da asociación galega EGANET. Para comezar, participará activamente na Xornada ferramentas clave de xestión para implantar a conciliación nas empresas, a desenvolver o día 15 de setembro en Vigo.
Ao encontro, organizado pola Fundación Mulleres Igualdade (Galicia), asistirá Luz Castro, responsable en EGANET do departamento Muller e TIC, representando os intereses da asociación a prol da promoción da igualdade de xénero no panorama internacional. O encontro, infórmase, ten o principal obxectivo de impulsar metodoloxías e iniciativas para conciliar a vida laboral e persoal e para o desenvolvemento de boas prácticas na empresa relacionadas coa cuestión. Este será tamén un dos cometidos de Luz Castro, que tamén se centrará en ofrecer un achegamento á realidade da muller no sector no que desenvolvemento o seu traballo, o eido galego das novas tecnoloxías da información. A xornada, de balde, celebrarase na sala de conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia.