EGATEL recibe a visita do presidente da Deputación de Ourense

xoves, 9 de marzo do 2017 Redacción

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou este mércores as dependencias da firma tecnolóxica EGATEL no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense). Baltar foi recibido polo director xeral da compañía, Javier Taibo, quen agradeceu a presenza nas instalacións do titular do Goberno provincial e máis tendo en conta o especial significado de ter coincidido a estadía de Baltar coa celebración dos 25 anos da posta en marcha de EGATEL, da que falamos recentemente en Código Cero. Segundo fixo saber, a empresa “é unha compañía que exporta tecnoloxía punta a moitos países do mundo, situando a Ourense no máis alto no sector da innovación en telecomunicacións".
Baltar, pola súa banda, salientou que o Parque Tecnolóxico é o referente da innovación no Noroeste de España e que EGATEL constitúe “un modelo e exemplo de innovación, con 25 anos dunha exitosa traxectoria, como así o acreditan os certificados que a sitúan como a empresa que máis aposta pola innovación en Galicia”. Asemade, lembrou que no ano 2016, con motivo da Misión Comercial USA-Ourense, promovida pola Deputación, “a de EGATEL foi unha das visitas que con máis interese seguiron as empresas estadounidenses do ámbito da tecnoloxía que visitaron a nosa provincia”. O titular do Goberno provincia tamén recordou a súa dispoñibilidade total para cooperar coa firma, “porque quen aposta pola provincia de Ourense merece o noso apoio, como é o caso de EGATEL, que durante tantos anos deu mostra do seu éxito empresarial e innovador".

PUBLICIDADE