Ecuador afianza a colaboración con Tecalis cunha segunda visita á súa sede

mércores, 29 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 126 KB
Isidoro Martínez e Alberto Campos (Tecalis) co director do Instituto de Promoción de Exportacións e Investimentos do Goberno Ecuatoriano en Madrid

Representantes do Goberno de Ecuador veñen de visitar novamente a sede de Tecalis, empresa TIC galega radicada en Milladoiro (Ames), co fin de crear sinerxías e colaboración arredor das novas ferramentas dixitais. Segundo nos lembran dende Tecalis, trátase da segunda vez que Ecuador acode ás dependencias da empresa tecnolóxica e, tamén, da segunda vez que Tecalis é convidada (á súa vez) a visitar en datas vindeiras o país latinoamericano para proseguir o labor de cooperación.
A xuntanza celebrada na sede da compañía no Parque Empresarial Novo Milladoiro de Ames enmárcase na estratexia do Goberno ecuatoriano a prol da dixitalización. Máis en detalle, o seu obxectivo é apostar por diferentes sectores estratéxicos e establecer sinerxías bidireccionais entre ambos os países, sobre todo arredor do desenvolvemento de software e as tecnoloxías TIC, entre outras cuestións e sempre buscando xeitos de potenciar a súa economía.
Entre as empresas que están no seu punto de mira atópase Tecalis, tecnolóxica galega referente en transformación dixital e tecnoloxías disruptivas (amais de no desenvolvemento de servizos na nube, deseño UX, consultoría tecnolóxica e proxectos TIC) factores que segundo confirma a compañía galega están a ser moi buscados por parte das autoridades ecuatorianas e os seus asesores tecnolóxicos.
Tecalis tamén recorda que participará o vindeiro mes de setembro no MWC Américas 2018, que terá lugar en Los Ángeles (California), como primeiro paso na súa expansión americana.

PUBLICIDADE