Edisa informa da adaptación de Libra ás novas normas de cotización
mércores, 15 de febreiro do 2012
A firma galega Edisa, especializada na achega de software para mellorar a xestión das empresas e das institucións, informa dunha importante actualización no programa ERP Libra, conxunto de aplicacións encamiñadas a cubrir tódolos procesos de negocio e de xestión, rendibilizándoos e optimizándoos. A mellora, máis polo miúdo, materialízase na incorporación ao módulo de nómina de Libre das novas normas para a cotización á Seguridade Social que se recollen no Boletín Oficial do Estado do día 7 que podemos consultar xa en formato PDF.
Lembrar que nestas bases establécense elementos como cal vai ser ao longo do dito período o tope máximo da base de cotización ao Réxime Xeral (de 3.262,50 euros), a cifra do tope mínimo (non inferior aos 748,20 euros mensuais) ou as contías fixadas para cada categoría profesional en base ás continxencias máis comúns que se podan dar.
A día de hoxe, Libra atópase implantando nunhas cincocentas firmas pertencentes a 50 sectores do máis variado, o que significa que a empresa Edisa ten entre mans unha experiencia ben ampla de coñecemento e materialización para a posta en marcha de casos prácticos que se adapten ás necesidades do mercado empresarial do noso tempo. Libra é un conxunto de ferramentas dirixidas a achegarlles ás empresas a máxima funcionalidade a tódolos niveis. Segundo informa Edisa, con esta serie de aplicacións as empresas poderán obter as vantaxes que achega un produto estándar e integrado, “sen perder a capacidade de adaptación ás necesidades específicas da empresa”. Algunhas das súas funcións son as seguintes:
·CRM: xestión da relación cos clientes.
· BPM: xestión de procesos.
· BI: business intelligence.
· Mobilidade: traballo en liña dende dispositivos portátiles.
· Comercio en rede: portais web e comercio electrónico.
