Educación comprométese a afianzar o software libre no ensino galego

mércores, 28 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

O software libre, que lle acaería ao ensino galego coma un traxe a medida (en boa media porque supón menos gastos para as institucións públicas, porque incentivaría máis o deseño específico en Galiza de programas educativos e porque pola súa propia natureza aberta permitiríalle á mocidade esculcar no labor de programación e participar nel), semella que vai estar máis presente nas aulas. Polo menos, así o fixo saber esta semana a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, durante a súa visita a un centro de ensino especialmente vinculado ó código aberto: o IES Chan do Monte de Marín, de onde precisamente provén a ferramenta Traducíndote, da que xa temos falado noutras ocasións.
Na imaxe (vista na web do propio IES), a conselleira reuníndose co corpo docente do centro.
O caso é que segundo se nos explica na web mancomun.org, a conselleira manifestou durante este acto institucional en Marín o seu compromiso firme a prol do software libre, salientando asemade a relevancia deste tipo de programas abertos para “un mellor aproveitamento das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino”, apuntou.
Sánchez Piñón, engade a plataforma Mancomún, tamén afondou na contratación por concurso público dos labores de actualización e mellora dos sistemas informáticos do seu departamento. Estas contratacións repercutirán nun mellor aproveitamento dos equipos informáticos, tanto nos servizos centrais da consellería como nos centros educativos galegos.

PUBLICIDADE