Educación dixitaliza e simplifica o protocolo de absentismo do alumnado
xoves, 21 de maio do 2026
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou o novo protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia entre o alumnado, “un documento que simplificamos e dixitalizamos, coa participación dos equipos directivos e profesorado, para reducir o traballo nos centros e na Inspección Educativa”, destacou, engadindo que “esta actualización non pretende modificar o contido esencial do protocolo, senón perfeccionalo, facelo máis áxil, máis claro e máis útil para quen o aplica no día a día”.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que esta actualización encádrase no plan para a simplificación das tarefas burocráticas, unha das principais accións do acordo de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF.
“A través deste plan estamos a revisar 50 procedementos administrativos que se realizan, con maior ou menor intensidade, na actividade habitual dos centros e que supoñen unha carga burocrática importante que queremos aliviar para os docentes”, sinalou o conselleiro. “Unha vez completemos o seu desenvolvemento, o plan suporá un aforro de máis de 120.000 horas de traballo administrativo por curso no conxunto do sistema e uns 600 pasos nos procedementos”, incidiu.
Román Rodríguez lembrou que este curso están a aplicarse as primeiras medidas deste plan, con accións como a dixitalización deste protocolo, do de reclamación e revisión de cualificacións finais e do procedemento de intervención do Equipos de Orientación Específica. “No caso do protocolo de absentismo, decidimos aproveitar a dixitalización para actualizar o documento, adaptándoo ás novas necesidades”, dixo.
Deste xeito, dixo, “as melloras no protocolo tradúcense non só na súa tramitación por completo por vía dixital, senón tamén na síntese do procedemento”. Para iso, mantendo todas as garantías de protección ao alumnado, “reformúlanse os diferentes pasos intermedios desde que se detecta un posible caso ata que se determina se constitúe ou non absentismo, reducindo a burocracia”.
No que atinxe á dixitalización, ten como finalidade axilizar o proceso, ao tempo que facilita analizar e compartir datos entre Fiscalía de Menores, servizos sociais e demais axentes implicados no control do absentismo, garantindo unha intervención máis rápida, precisa e segura.
As novidades contribúen, ademais, a aproveitar a información que xa ten o sistema, axilizan as comunicacións coas familias por Abalar, sen necesidade de empregar correo certificado e facilitan a comunicación coa Inspección Educativa. A nivel Consellería, “permite dispoñer de toda a información dos procesos de maneira estruturada, o que se traduce nunha maior eficiencia”, sinalou.
