EdugalIA converte a Galicia na primeira comunidade en incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa
venres, 22 de setembro do 2023
O conselleiro de
Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe que o
novo proxecto EdugalIA converte a Galicia na primeira comunidade en incorporar
a intelixencia artificial na xestión educativa na clausura da xornada
divulgativa desta iniciativa pioneira, dirixida a empresas tecnolóxicas, e coa
que se busca convidar ao sector a contribuír a poñelo en marcha.
Rodríguez sinalou
a oportunidade que a intelixencia artificial supón para a mellora dos servizos
públicos “e que a través deste proxecto aplicaremos á Administración educativa
dixital para reforzar o éxito escolar”. “O noso obxectivo é empregar a IA como
un novo impulso ao noso sistema educativo, que permita non só recoller
información, senón poñela en valor, de tal forma que poida traducir ese contido
en accións útiles para o ensino e a aprendizaxe en toda a educación galega”.
Tres eixes de actuación
Neste sentido,
explicou que o proxecto EdugalIA se centrará en tres ámbitos prioritarios: a
gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e a creación dun
espazo común entre familias, centros e Administración. No primeiro deles,
crearase un novo modelo de Administración educativa dixital que sistematice a
información procedente de múltiples fontes e formatos e permita analizar máis
axilmente cuestións como o abandono temperá e crear itinerarios especializados.
O segundo ámbito
ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias para
consulta un expediente dixital que acompañe ao alumno ao longo do seu tránsito
polo sistema educativo. Este documento incluirá datos de identificación, de
escolarización, académicos ou sobre atención a necesidades específicas de
apoio, entre outros.
Finalmente, a
través de EdugalIA habilitarase un punto único de contacto e acceso para
alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo. O
obxectivo é que este sistema permita a participación e a comunicación útil
entre todas as partes para a asistencia, a orientación e a toma de decisións.
Compra pública de Innovación
A xornada de hoxe
enmárcase na consulta previa ao mercado mediante o proceso de Compra Pública de
Innovación lanzada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades
co fin de que as empresas tecnolóxicas amosen os recursos dos que dispoñen para
facer realidade este proxecto. Trátase do sistema de contratación pública que
permite ás administracións a compra deste tipo de ferramentas que aínda non
están comercializadas co fin concreto para o que se pretenden empregar.
Prevese que
EdugalIA teña unha fase inicial de desenvolvemento e proba no período
2024-2027, seguida dun proceso de avaliación de resultados e posible
despregamento progresivo de solucións a partir do ano 2028.
Un paso máis na transformación dixital
“Con EdugalIA
damos un paso máis na transformación dixital definitiva que estamos levando a
cabo no noso sistema educativo, non só coa dotación de equipamentos axeitados
nas aulas, senón tamén coas metodoloxías, respondendo ás propias demandas do
tecido empresarial e dos requirimentos profesionais do presente e do futuro”,
salientou o conselleiro. Estes esforzos enmárcase na chamada Estratexia
Educación Dixital 2030, cun investimento de 130 millóns de euros, arredor da
que o Goberno galego traballa na maior dixitalización e emprego de novas
tecnoloxías no campo educativo. “O ensino non pode vivir de costa á realidade
social, senón prepararse para ser parte de ela, como o facemos a través desta
estratexia, considerando o desenvolvemento non como un fin en si mesmo, senón
como un medio para apoiar o proceso de aprendizaxe”, puntualizou.
Neste sentido
Román Rodríguez puxo en valor os fitos acadados na última década, de tal forma
que Galicia é hoxe a comunidade autónoma cos centros mellor equipados
dixitalmente de España líderes en alumnos por ordenador. “Ademais, por terceiro
curso consecutivo, contamos cunha Rede Galega de Educación Dixital con 80
docentes como mentores para axudar coas novas tecnoloxías e contamos co novo
Centro de Innovación Educativa e Dixital para enfrontar os retos de futuro no
eido da investigación e cualificación profesional”, explicou. Así mesmo,
destacou o investimento de 84 millóns de euros nas Aulas Móbiles de
Informática, os Polos Creativos e a dotación de paneis interactivos nos centros
escolares de Galicia.