Efectivos da Policía Local e do Grupo de Emerxencias de Ribeira fórmanse nas posibilidades dos drons para os rescates

luns, 20 de xullo do 2020 S. P.

Os técnicos da empresa Aerocamaras, con sede en Ourense e especializada e innovadores usos para os vehículos aéreos non tripulados, amais de en formación e desenvolvemento de drons, levaron a cabo este luns 20 de xullo un simulacro de salvamento con este tipo de dispositivos na praia de Coroso de Ribeira. A experiencia foi un complemento formativo para efectivos da Policía Local e do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipais (GAEM): oito traballadores locais que os días pasados foron quen de superar as probas teóricas e prácticas no manexo de drons e que este luns tiveron a oportunidade de dar un importante paso práctico da man da devandita empresa.
En concreto, cinco efectivos do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM) e tres axentes da Policía Local levaron a cabo unha xornada práctica que este martes 21 terá unha segunda quenda de desenvolvemento.
Segundo informou o Concello, a empresa tecnolóxica vai fornecer ao Concello de dous vehículos aéreos non tripulados para levar a cabo “múltiples funcións”. Por exemplo: controlar que non se produzan aglomeracións nas praias, contar con recursos de apoio en rescates acuáticos, buscar persoas desaparecidas, localizar de niños de avespas velutinas ou detectar focos de lumes forestais, entre outras aplicacións.
O simulacro deste luns 20 consistiu na recreación do rescate dunha persoa en altura (simulando que estabsa atrapada nunha roca) mentres que mañá está previsto realizar un rescate acuático e procurar unha persoa desaparecida. Unha vez cumprimentado este apartado formativo, agárdase que nos vindeiros días os dous drons mercados polo Concello xa poidan estar operativos.

PUBLICIDADE