El Corte Inglés dá un novo paso para converterse en xigante do ecommerce

xoves, 29 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

El Corte Inglés quere tirar o máximo proveito do comercio dixital e da súa proposta omnicanle, asentando o futuro para converterse en establecemento sen límites nin cancelas e plantándolle cara a xigantes do eido como Amazon (o competidor máis potente de ambas firmas). Por esta razón, vén de asinar un acordo de colaboración coa firma de raizame chinesa Alibaba, especializada en tecnoloxías cloud empresariais, co obxectivo de desenvolver unha estratexia de cooperación global e, nun plano máis específico, traballar conxuntamente en eidos de cloud computing, innovación e pago por móbil.
Segundo se fixo saber na formalización do acordo, ambas as compañías puxeron en marcha esta colaboración co fin de aproveitar as súas respectivas fortalezas e as das súas distintas unidades de negocio e empresas asociadas, incluíndo Tmall, Alibaba Cloud, Alipay e AliExpress.
En termos máis específicos, a alianza implica que o grupo español poida botar man da tecnolxoía web da firma chinesa e de análise de datos e vender os seus produtos no mercado asiático a través da plataforma da dita empresa.
Entre as principais iniciativas e proxectos de colaboración inclúense iniciativas cloud. A través desta liña conxunta de traballo, El Corte Inglés terá a oportunidade de acceder a un paquete integral de solucións tecnolóxicas proporcionado por Alibaba Cloud, que inclúe a análise de información a gran escala (Big Data) para a toma de decisións empresariais en tempo real; e ferramentas de Intelixencia Artificial que ofrecen a personalización da oferta para unha mellor atención ao cliente. No eido comercial, o acordo busca achegar a El Corte Inglés a oportunidade de tirar proveito das plataformas B2C de Alibaba, incluíndo Tmall e AliExpress, co fin de ofrecer aos usuarios de Alibaba en China e no resto do mundo as súas marcas e produtos, incluídas as marcas propias da cadea de establecementos española.
O obxectivo final sería “permitir aos consumidores de Alibaba acceder a unha gama máis ampla de grandes marcas españolas e internacionais que se venden nas tendas de El Corte Inglés, incluíndo a posibilidade de dar a coñecer novos produtos marca España”.
Pola súa banda, AliExpress poderá desenvolver recantos de venda e outros espazos físicos nos centros comerciais de E Corte Inglés que permitan “recrear novas e atractivas experiencias de compra” así como dar a coñecer ao mercado español os últimos produtos lanzados na plataforma.

PUBLICIDADE