El Corte Inglés estrea OMV con tarifas pouco atractivas

martes, 27 de xullo do 2021 Marcus Fernández

No mes de marzo El Corte Inglés asinou un acordo co Grupo MásMóvil para lanzar un operador virtual de móbil e fibra, Sweno, que por fin é unha realidade, cunha oferta de servizos que non parece especialmente competitivo e que como principal reclamo ten a confianza que os consumidores poidan ter nunha compañía consolidada, que ofrece uns paquetes de produtos sinxelos e aproveita a súa ampla rede de puntos de venda para achegarse ao consumidor.
A contratación de Sweno emprega como promocións descontos ao contratar fibra, fixo e móbil ou ao adquirir algún novo dispositivo electrónico en El Corte Inglés, ofrecendo tamén moitas das súas tarifas un 20% de desconto durante os primeiros 6 meses.
Como exemplo das tarifas de Sweno temos que unha conexión de fibra de 300 Mbps xunto cunha liña móbil con chamadas ilimitadas e 20 GB de datos custa 54 euros/mes; unha liña móbil con chamadas e datos ilimitados custaría 30 euros/mes; e unha conexión de fibra de 300 Mbps con fixo con chamadas ilimitadas a fixos (e 60 minutos de chamadas a móbiles) custaría 37 euros/mes; prezos que de xeito xeral serían máis caros que os de outros OMV.
Tamén ofrecen a posibilidade de contratar un servizo de SICOR Alarmas, pero sorprendentemente o prezo de tal oferta é o mesmo que a que ten o público xeral, dando a impresión de que o único reclamo que ten esta compañía é a aglutinación de servizos baixo unha única factura (vantaxe máis que discutible).

PUBLICIDADE