ElPais.com vai prover de soporte ás bitácoras dos seus lectores

xoves, 7 de xuño do 2007 Raquel Noya

O portal dixital Elpais.com vén de por a disposición dos seus usuarios a plataforma, lacomunidad.elpais.com, para que a empreguen como soporte para as súas páxinas persoais ou blogs de xeito gratuíto.
A iniciativa, que tamén permite que os internautas creen redes agrupadas en función dos seus temas de interese, segue unha liña xa marcada por plataformas de éxito en Internet en todo o mundo e nela, calquera usuario pode crear e manter a súa propia páxina e construír comunidades con outros internautas de xeito sinxelo e de balde.
A través dos seus diarios en liña, os usuarios de lacomunidad.elpais.com poderán compartir información e contidos con outros internautas así como debater e intercambiar opinións sobre os seus temas de interese como viaxes, fotografía, amor, deporte ou cine.
Os responsables desta plataforma anunciaron que “poderán formar parte desta rede social en Internet, todas aquelas persoas que cumpran coas normas da comunidade (como o respecto e a non usurpación da identidade), ben sexan, individuos, asociacións, ONGs ou calquera outro grupo con intereses similares.