Elgato converte un dos seus paneis de control nunha máquina comecartos

mércores, 1 de abril do 2026 Marcus Fernández

O Primeiro de Abril é unha celebración que en boa parte do mundo se aproveita para lanzar orixinais bromas que, no caso do sector tecnolóxico, correspóndese habitualmente para presentar produtos absurdos na Internet para comprobar a credulidade dos usuarios e, aínda que esta tradición foi perdendo pulo nos últimos anos, Elgato non quixo deixala pasar e presentou o panel Stream Deck + Lever.
Falamos dun dos coñecidos paneis Stream Deck, con botóns personalizados, pantalla con información e reguladores para poder controlar niveis de volume, que nun lateral incorporaría unha panca que convertería o dispositivo nunha máquina comecartos, aínda que sen permitir gañar nada, o que dende Elgato aseguran que «case resulta adictivo».
Confiamos en que nas vindeiras horas sexan máis as compañías que ousen presentar produtos semellantes, que conten incluso con páxina web e vídeo promocional, simplemente para botar unhas risas, aínda que cómpre salientar que non é a primeira vez que un destes produtos de broma remata converténdose en realidade (como foi o xogo de captura de Pokémon baseada no mundo real).

Vídeo do novo produto de broma de Elgato

Outra das bromas do Primeiro de Abril deste ano sería o soporte para gatos que anuncian dende MSI.
Satechi pola súa banda anunciou a solución a un dos grandes problemas da Humanidade: os calcetíns que se perden na lavadora. Para iso colócalles un rastrexador compatible con Apple Find My.

Na liña do resto de bromas do Primeiro de Abril, o célebre creador de contido sobre tecnoloxía Marques Brownlee publicou hoxe unha análise dun teléfono de xoguete