Elogia amósalles aos seus clientes as novidades e tendencias que están por vir en Facebook

xoves, 29 de setembro do 2011 Raquel Noya

Responsables de marketing e comunicación de oito das principais marcas comerciais do noso país, asistiron esta mesma mañá a un encontro organizado por Elogia nas súas oficinas de Vigo, onde comprobaron de primeira man as tendencias que a rede social Facebook incorporará nas vindeiras semanas, para tratar de sacarlle proveito e darse a coñecer na Rede.
Alí, os expertos en social media de Elogia mostráronlles algunhas das novidades que a plataforma leva integradas nos pasados meses, así como as que están por vir, ademais de orientalos sobre como investir e ter presenza de maneira óptima nesta rede social que xa supera os 14 millóns de usuarios.
Elogia, que é beta-tester dos cambios de Facebook, coñece de antemán as novidades que a rede social incorporará no futuro con certo tempo de antelación, e quixo “premiar” aos seus clientes cunha reunión exclusiva na que dar detalles dos cambios previstos.
Para o director de marketing de Elogia, Ignacio de Francisco, trátase “dunha gran oportunidade para as empresas galegas de coñecer as novidades e tendencias de Facebook para o futuro”.
Neste acto, o social media director de Elogia, Rubén Bastón, avanzou, entre outros, novos formatos para o usuario que están activos en Facebook, como o Ticker (teletipos), que informan en tempo real de todo o que fan os amigos dun usuario, o Timelime (cronoloxía), que cambia o deseño e o espírito do perfil de usuario para convertelo nun diario, os Check-in Deals, as ofertas xeolocalizadas ou os Facebook Credits, a moneda de pago dentro da plataforma.
As marcas representadas no encontro foron Bimba y Lola, Fundación Barrié, Kill Paff, Pizza Móvil, Denominación de Orixe Rías Baixas, Novacaixagalicia, Purificación García e a Escola de Negoicios Novacaixagalicia.
Os responsables de todas elas mostraron moito interese en coñecer as novas ferramentas da plataforma, e tamén fixeron eco da súa preocupación polos continuos cambios, “que non permiten ter un control completo da experiencia dos seus usuarios”, afirman.