Elogia, recoñecida como a empresa de ecommerce máis destacada en México
venres, 28 de novembro do 2014
A empresa de
participación galega Elogia vén
de obter un importante recoñecemento alén do Atlántico. Máis polo
miúdo, foi
premiada como Mellor Axencia de Mercadotecnia para Comercio
Electrónico no evento eRetail Day Latinoamérica que se celebrou
en Cidade de México o pasado mércores 26 de novembro, nunha cita
desenvolvida no Hotel Sheraton María Isabel con boa parte do máis
representativo do sector da publicidade en liña e o ecommerce
do ámbito internacional. Trátase dun evento que se celebra cada ano
en varios países dende 2008, da man do Instituto Latinoamericano de
Comercio Electrónico.
O obxectivo do evento é
“promover o desenvolvemento da actividade comercial ligada ás
novas canles de comunicación a través de compartir as mellores
prácticas e casos de éxito locais e rexionais sobre como
administrar eficientemente unha canle online e xerar alto
impacto en vendas”.

Desta volta, Elogia
estaba nomeada na categoría de mellor axencia de mercadotecnia para
ecommerce xunto as axencias Avatar e Azul. Finalmente, o
xurado internacional seleccionou a empresa que dirixe o galego Rubén
Ferreiro como a compañía que polo seu desenvolvemento e
contribucións aos negocios por Internet “é a máis salientable
de México”. Segundo a división mexicana de Elogia, comandada por
Pedro Menéndez, “trátase dun recoñecemento ao traballo de todo o
equipo, o esforzo por especializarnos en mercadotecnia para comercio
electrónico que empeza a recoller os seus froitos”.
