Emetel logra a adxudicación do contrato de gobernanza tecnolóxica e dixitalización de Puertos

mércores, 23 de abril do 2025 S. P.

Puertos del Estado vén de adxudicar á empresa galega Emetel a xestión do seu ecosistema tecnolóxico, nun contrato que ten como obxectivo seguir mellorando a gobernanza dixital do ente. O servizo afecta a infraestruturas críticas e servizos estratéxicos do organismo, “nun contexto onde a automatización, a ciberseguridade e a eficiencia operativa son prioridades compartidas polos principais portos do mundo”, explicou a empresa coruñesa.
A firma engadiu que a adxudicación, concibida como un Servizo Evolutivo de Dixitalización, supón a xestión integral, operación e supervisión 24x7 dos sistemas que sosteñen os servizos dixitais esenciais do organismo: desde as escalas de buques ou os cálculos oceanográficos, ata a administración electrónica ou a xestión interna. “Esta nova capa tecnolóxica busca transformar a forma na que se toman decisións, habilitando unha infraestrutura orientada a datos, adaptábel e con visión a futuro”, informou Emetel, engadindo que “o obxectivo é implantar unha arquitectura de goberno dixital que orquestre fluxos, garanta a trastrexabilidade en tempo real e permita unha evolución tecnolóxica sostida”.
Manuel Lago, presidente de Emetel, fixo saber que “este contrato permítenos poñer en marcha unha arquitectura dixital robusta, segura e preparada para acompañar a Portos do Estado nunha nova etapa de evolución tecnolóxica”.
Na primeira fase, Emetel despregará e integrará ferramentas de observabilidade avanzada orientadas á supervisión proactiva e a eficiencia operativa. Estas solucións permiten consolidar un ecosistema tecnolóxico modular, interoperábel e aliñado cos máis altos estándares de seguridade e rendemento. No marco deste contrato, despregarase a plataforma intelixente Ágata, que favorecerá a interoperabilidade, a automatización de procesos, a explotación dos datos e a aplicación da Intelixencia Artificial.
“A solución está deseñada para evolucionar coas necesidades do organismo. Ágata actúa como unha capa intelixente que conecta, estrutura e automatiza a xestión tecnolóxica desde unha visión única baseada en datos, seguridade e rendemento. O seu valor está na súa capacidade para escalar, integrarse e adaptarse continuamente ao ritmo de transformación que esixe a contorna portuaria”, apuntou Jorge Rodríguez, director de Operacións e Desenvolvemento de Produto de Ágata en Emetel, engadindo que o contrato tamén incorpora servizos de ciberseguridade multicapa, arquitectura empresarial e consultoría de negocio, co propósito de “fortalecer o núcleo dixital de Puertos del Estado e preparalo para a súa evolución”. Ademais, un comité de goberno do servizo e comités técnicos especializados velarán polo cumprimento dos KPIs estratéxicos, a resposta proactiva ante incidencias, a planificación adaptativa e a aliñación con novas tecnoloxías como a plataforma SIMPLE, tecnoloxías como cadea de bloques (blockchain) ou novos centros de proceso de datos.