Emilio Gayo, novo conselleiro delegado de Telefónica

xoves, 6 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O Consello de Administración de Telefónica aprobou hoxe, tras a recomendación favorable da Comisión de Nomeamentos, Retribucións e Bo Goberno a proposta do seu Presidente Executivo, Marc Murtra, importantes cambios entre os que destaca o nomeamento de Emilio Gayo como conselleiro executivo de Telefónica e conselleiro delegado do Grupo Telefónica.
Gayo é Enxeñeiro de Telecomunicacións e MBA polo IESE. Conta cunha sólida traxectoria executiva de máis de 30 anos, nos que liderou estratexias de transformación de grandes equipos e construíu alianzas con outros socios tecnolóxicos importantes. En 2004 ingresou no Grupo Telefónica como Director Xeral de Operacións Internacionais en Telefónica Móviles. En 2010 foi nomeado Director de Desenvolvemento de Negocio, Estratexia e Regulación en Telefónica Latam; en 2011 asumiu a responsabilidade da Dirección de Gran Público en Telefónica España, á que dous anos despois engadiu as unidades de Márketing e Empresas, e desde 2018 foi Presidente Executivo de Telefónica España.
Baixo a dependencia do novo Conselleiro Delegado mantéñense os negocios de España, Brasil, Alemaña e Reino Unido, así como as unidades de B2B, Telefónica Tech, Telefónica Infra e CTIO. Ademais, pasará a reportar ao Conselleiro Delegado a unidade de negocio de Hispam, consolidando así baixo a súa responsabilidade a xestión de todas as xeografías.
O Consello de Administración manifestou o seu agradecemento a Ángel Vilá pola súa extraordinaria traxectoria de máis de 25 anos en Telefónica e, en especial, pola súa última etapa como conselleiro delegado. Vilá continuará sendo membro do Consello de Virgin Media O2 e será proposto tamén para formar parte do Consello de Telefónica Alemaña, e seguirá vinculado á compañía como asesor do presidente executivo, Marc Murtra.

Outros nomeamentos

Chema Alonso deixa Telefónica tras 13 anos

Borja Ochoa asume a Presidencia Executiva de Telefónica España, que ocupaba Emilio Gayo. Ochoa, até agora director xeral de Defensa e Seguridade en Indra, anteriormente foi director xeral en Minsait e CEO de Minsait Payments.
Sofía Collado asumirá a responsabilidade de liderar Telefónica Tech, collendo a remuda de José Cerdán, quen seguirá ligado ao Grupo.
Sebas Muriel incorpórase de novo a Telefónica asumindo a posición de Chief Digital Officer, posto que durante os últimos 13 anos ocupou o mediático Chema Alonso, encabezando diversos proxectos que non conseguiron triunfar como a cuarta plataforma coa que Telefónica pretendía cobrar a terceiros polos datos dos seus usuarios, o asistente Aura, o dispositivo Movistar Home e o lanzamento de Open Gateway.

Cambios no Comité de Dirección de Telefónica España

Simplifícase a estrutura eliminando a posición de conselleiro delegado que ocupaba Sergio Oslé. Daniel Domenjó asume a posición de CEO de Movistar+. O conselleiro de Telefónica Javier de Paz asume a presidencia de Telefónica Audiovisual Digital (Movistar Plus+).