Empresarios e desenvolvedores tecnolóxicos toman contacto en Vigo para impulsar a I+D+i

luns, 27 de xuño do 2011 Raquel Noya

O vindeiro xoves, 30 de xuño, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE Galicia) vai celebrar en Vigo unha xornada na que poñer en contacto a empresarios e desenvolvedores tecnolóxicos de todo o país e do norte de Portugal, para que xuntos poidan detectar oportunidades de colaboración e negocios baseados na I+D+i.
Trátase dunha aposta por darlle pulo á actividade innovadora no territorio galego, na que colaboran a Plataforma Tecnolóxica Galega da Loxística (Loxisga) e o Club Financiero de Vigo (CFV).
Patricia García, a presidenta de AJE Galicia, aclara que o acto, que leva por nome Oferta e demanda tecnolóxica, é unha “alternativa que servirá como base para impulsar a actividade innovadora no territorio galego”, unha necesidade de primeira orde logo de que nos últimos anos a entidade detectara unha redución importante do gasto en innovación.
García asegura que “moitas empresas teñen carencias en tecnoloxía porén non invisten porque non saben qué opcións poden ter para suplilas”.Por outra banda”, engade, “están os investigadores e desenvolvedores que teñen solucións que aportar porén non saben como chegar ás empresas para proporllas”.
Xa que logo, Oferta e demanda tecnolóxica, vai ser unha oportunidade única para que ámbolos dous colectivos: empresas e desenvolvedores, se poñan en contacto e se beneficien mutuamente, apostando pola tecnoloxía como panca para innovar e saír da crise fortalecendo o tecido empresarial galego.
A actividade contará cun espazo de exposición no que empresas e organismos de investigación, previamente seleccionados, terán sete minutos para falar da súa experiencia en proxectos de I+D+i, e explicar as necesidades dos seus negocios.
Posteriormente, previa solicitude, as empresas e axentes de innovación poderán participar en entrevistas concertadas nas que intercambiarán necesidades e solucións, coa intención de identificar aquelas áreas onde existan efectivamente oportunidades de colaboración e negocio, e se é posible levar a cabo as súas estratexias.
Asemade, aqueles grupos de interese que presentaran as súas propostas de innovación antes do 20 de xuño, recibirán axuda de balde e información sobre cómo e onde conseguir financiamento para o desenvolvemento destes proxectos.
A xornada celebrarase paralelamente ao IV Congreso Internacional AJE Galicia.