Empresas tecnolóxicas amosarán en Santiago como as matemáticas lograron mellorar os seus procesos

luns, 27 de abril do 2026 S. P.

O CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia), impulsado polas tres universidades galegas, e con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago, xuntará o vindeiro 22 de maio a investigadores matemáticos e a representantes de empresas nacionais e internacionais, que amosarán como as matemáticas están a resolver problemas actuais que afectan á industria.
Estamos a falar do XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day), que terá lugar na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. É unha iniciativa promovida en colaboración coa Red Española Matemática-Industria (math-in) e conta co apoio da Agencia Estatal de Investigación -Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-.
Este encontro amosará casos reais de transferencia de tecnoloxía e coñecementos entre as matemáticas e diferentes sectores industriais, deixando patente que as matemáticas contribúen a que as empresas innoven os seus procesos, logren importantes melloras nos seus produtos e servizos e, ademais, consigan reducir os seus custos de produción. Así, contarase coa participación de representantes de compañías de sectores tan diversos como o tecnolóxico (Fujitsu e Plexus), os electrodomésticos (Bosch), a metalurxia (Ferroglobe), a enxeñaría (Instra), aeroespacial (Kreios Space), desenvolvemento de software científico (Mestrelab), transformación dixital (NTT Data) e drons (Vig-Sec Drone). Todos eles explicarán como as matemáticas foron capaces de dar resposta a problemas concretos e servíronlles como “motor de innovación empresarial”.
Durante o foro daranse a coñecer as “enormes e múltiples” capacidades das matemáticas e a súa aplicabilidade nunha gran parte dos retos e necesidades do tecido industrial, “achegando a pequenas, medianas e grandes empresas unha tecnoloxía cun gran potencial e que non precisa de grandes investimentos para o seu uso”, informou CITMAga, engadindo que “con esta iniciativa búscase ademais afianzar a importancia das matemáticas e dos perfís matemáticos na industria, tentando poñer de relevo o poder desta disciplina á hora de ofrecer solucións aos problemas do mundo real”.