En España o 96% da poboación emprega Internet a diario

mércores, 16 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), publicou este 15 de febreiro o informe Uso de tecnología en los hogares españoles. Nel constátase como cambiaron o usos das actividades dixitais diarias a raíz da pandemia. En concreto, dise que arredor dun 96% das vivendas dispón de Wi-Fi e o uso de rede vai ao 92%.
O devandito confirma un uso xeneralizado de Internet e o desenvolvemento de actividades dixitais en diferentes ámbitos (saúde, educación e finanzas). No que respecta á relación entre ingresos e localización xeográfica, continúan as desigualdades. Moitas rendas menores de 900 euros e moitas poboacións de menos de 100.000 habitantes non teñen acceso á Rede. Precisamente o Goberno de España puxo en marcha unha liña de axudas UNICO-Bono Social para financiar aos colectivos máis vulnerábeis e reducir a fenda dixital.
As consultas máis estendidas na rede son as de comunicación e buscas de información; consultas de saúde, onde as mulleres son máis activas que os homes; consultas de educación e buscas de traballo. No ámbito das compras online, a xeración que vai dos 25 aos 34 anos é a maior usuaria (74%). Aumentaron as compras en liña, tanto dos maiores de 65 anos, como das comunidades de Melilla e Galicia, con 7 e 5 puntos porcentuais, respectivamente.
Pese a que un 65% da poboación ten habilidades dixitais básicas e un 74% está familiarizado con aplicacións móbiles e ordenadores, as diferencias por nivel de estudos, idade e xénero, son certamente notábeis. Menos do 34% das persoas maiores de 64 anos dispón de habilidades dixitais, reducíndose este dato ata menos do 20% en sectores con menor nivel de estudos. A franxa de idade que máis confía en Internet (case un 70%) é a dos 16 a 24 anos, en cambio na de 65 a 74, só a metade da poboación confía na rede. Na ámbito da idade, o 98% dos nenos, nenas e adolescentes de 10 a 15 anos teñen acceso á rede; o 95% emprega o ordenador e o 70% o teléfono móbil.
Na poboación de máis de 74 anos, o uso de Internet baséase maioritariamente na mensaxería instantánea e as videochamadas. O 27% desta xeración está conectada, pero existe unha diferencia entre homes (un 30%) e mulleres (26%). No que respecta ao teletraballo, no primeiro trimestre de 2021 só o 18% da poboación o facía a distancia, principalmente a poboación de entre 35 a 44 anos. As persoas que non tiñan opción de teletraballar indicaron que no 65% dos casos o seu emprego non o permitía, e un 17% prefería voltar ao modelo de presencialidade.

PUBLICIDADE