En Estados Unidos, as mulleres navegan en Internet máis cós homes

venres, 13 de abril do 2007 Raquel Noya

Segundo un estudo que vén de publicar a sociedade eMarketer sobre o consumo de Internet en EE UU, as mulleres deste país navegan máis pola Rede cós compatriotas de xénero masculino. O devandito informe indica que máis do 97 por cento das féminas estadounidenses son usuarias asiduas da rede de redes, fronte a tan só un 90,9 por cento dos homes, un dato moi salientable que semella botar por terra a idea preconcibida de que son “eles” os usuarios dominantes da Rede e que pon ás claras que cada vez máis mulleres tenden a empregar Internet para facer cousas de utilidade, ademais de para divertirse.
O 78 por cento dos internautos dedican a meirande parte do seu tempo libre a mirar vídeos na web, fronte ó 66 por cento das “redeiras”, que se inclinan menos por este xénero en canto avanzan na súa idade. Esta diferenza é debida, segundo o devandito estudo, a que “os homes se adaptan máis rápido ás novas tecnoloxías e teñen acceso a conexións de Internet máis desenvolvidas” pero a fenda existente debería reducirse nos vindeiros anos pois entre os mozos amósase unha tendencia a igualar estes datos.