En Ribeira o Concello dixitalizará e porá na Rede outras 66.173 páxinas do Arquivo Histórico

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

O Concello de Ribeira vén de sacar a licitación un novo proxecto para dixitalizar documentos históricos custodiados no Arquivo Histórico Municipal: un proxecto que dea continuidade aos traballos presentados o pasado verán, pasado, cando se puxeron a disposición da cidadanía (a través da Rede) máis de 3.000 páxinas do dito arquivo. Agora, a intención é dixitalizar e facer accesíbeis un total de 66.173 páxinas pertencentes a preto dunha trintena de clases de documentación.
O abano de formatos e temas é variado: no proxecto inclúense actas da comisión municipal permanente (de 1924 a 1985), actas de pleno (de 1990 a 1998), libros de padróns de habitantes, libros rexistro de salvocondutos (1946-1947), ordenanzas municipais (1867-1880), libros rexistro de entrada e saída de buques (de 1863 e 1896) ou algúns máis específicos como actas da xunta soberana da revolución de 1968 .
Trátase da cuarta das fases que inclúe até o de agora o proxecto de dixitalización histórica do Concello de Ribeira, con 83.000 páxinas xa convertidas en arquivos dixitais.
A documentación poderá ser consultada de balde a través do Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana), do cal xa hai unha ligazón na páxina web do Concello coas ligazón aos documentos históricos ribeirenses xa a disposición.
O orzamento base de licitación ascende a 26.469,20 euros, IVE incluído. Os interesados dispoñen ata o 4 de outubro á medianoite para formular as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.
Este investimento está subvencionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) mediante Resolución de concesión e denegación de subvención ao abeiro da Resolución do 20 de xullo de 2021 pola que se modifica a Resolución do 27 de febreiro de 2020, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade da preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa segunda convocatoria para os anos 2020-2021, co-financiada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

PUBLICIDADE