En abril volve o curso de Vitae centrado en People Analytics e como xestionar persoas
mércores, 28 de febreiro do 2024
A consultora galega Vitae, destacado referente galego e nacional en formación tecnolóxica para empresas da vangarda innovadora, vainos ofrecer esta tempada a terceira edición dun curso directamente encamiñado a permitirnos seguir avanzando en innovación poñendo o foco no piar básico de calquera empresa: as persoas. Trátase da actividade formativa People Analytics: A arte de xestionar persoas convertido en Ciencia. Terá seis horas de contido e desenvolverase os días 3 e 4 de abril de 2024.
Vai destinado a facilitarnos recursos para dispoñer de datos de calidade sobre todo o relacionado coa xestión dos equipos humanos. Trátase, segundo informa Vitae, de poñer ao noso alcance ferramentas que nos axuden a contar con datos fiábeis e útiles para coñecer en profundidade o talento da nosa empresa e o talento que precisa a nosa empresa.
Así nolo explica a consultora: “Os negocios, grazas ao traballo cos datos e o seu tratamento, chegaron a niveis de sofisticación moi altos. Non é así en todo o relacionado coa xestión de persoas. Seguimos ancorados no pasado, en capas que nos permiten explicar á perfección o presente e o pasado, pero con escasa capacidade de predicir que é o que vai pasar, ou non, nunha organización en base ao tipo de talento co que conta”.
Para Vitae, “é hora de comezar a pensar como converter ás persoas nunha verdadeira panca estratéxica e non meramente operativa. É momento de converter a xestión de persoas nunha ciencia e abandonar a intuición e o azar co que manexamos todo relacionar coas persoas nas compañías”.
Estes son os obxectivos do curso: dispoñer de marcos teóricos e metodolóxicos que nos permitan medir e entender o impacto que o comportamento humano ten nas organizacións, así como desenvolver un pensamento científico e estratéxico sobre a función.
O curso ten unha duración de 6 horas, en 2 sesións de 3 horas, a desenvolver en formato de Aula Virtual Online con clases en directo.
Será impartido por Roberto Rodríguez, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Máster en Recursos Humanos, MBA, coach profesional ejecutive certificado pola ECOP, profesor asociado en varias escolas de negocio e universidades. Foi responsábel de Organización de Recursos Humanos e Atracción do Talento en R Cable e Telecomunicacións Galicia, HR Business Partner Networks Technologies en ONO, manager de Learning & Development en Vodafone, director corporativo de Recursos Humanos en Másmovil, responsábel de persoal en BBVA Next Technologies e na actualidade é director executivo de Dathum.
Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou atópanse BBVA, R Cable, Ono, Masmovil, Vodafone, Indra, Bankinter, Telefónica, IBM, Iberdrola, CEPSA, Mahou, Sanitas, El Corte Inglés, Endesa ou SAP.