En febreiro chega a 3ª edición do curso de Vitae sobre Microsoft Copilot para M365

martes, 28 de xaneiro do 2025 S. P.

Ao abeiro do seu continuo labor formativo para profesionais tecnolóxicos de toda España, a consultora galega Vitae vai ofrecer en febreiro unha nova edición (a terceira) do seu curso Dominando Microsoft Copilot para M365, unha oportunidade para que os profesionais actualicen os seus coñecementos sobre unha ferramenta (Microsoft Copilot) que é xa un referente entre os asistentes persoais de IA.
O curso terá 7,5 horas de duración e ao longo deste tempo capacitarase aos asistentes nos segredos e posibilidades da dita solución de produtividade intelixente, poñendo o foco no potencial que ofrece na familia de ferramentas M365. Desenvolverase os días 18, 20 e 25 de febreiro.
Nun plano máis concreto, neste curso proporcionarase unha formación práctica e interactiva para integrar Copilot en ferramentas como Outlook, Teams, Excel Word, PowerPoint e Edge, maximizando as súas funcións máis avanzadas.
O curso foi concibido para “ver dunha maneira xeral Microsoft Copilot IA, e así poderemos ter unha idea acertada das posibilidades actuais desta ferramenta baseada en IA e a súa utilidade real”, explica Vitae.
Os obxectivos son axudarnos a dominar o uso da Intelixencia Artificial Xenerativa para crear, mellorar e xestionar contido nas aplicacións de Microsoft 365; explorar e utilizar as funcións avanzadas de Copilot en Outlook, Teams, Edge, Word, Excel, PowerPoint, etc; comprender como Copilot pode facilitar tarefas como xerar texto, traducir, resumir, reescribir, corrixir, analizar datos, visualizar información, xestionar tarefas, comunicarnos eficazmente, presentar ideas e navegar pola Rede; aumentar a nosa produtividade, creatividade e colaboración na nosa contorna laboral; e actualizar as nosas competencias dixitais incorporando as tecnoloxías emerxentes que nos permitirán centrarnos nas tarefas de maior impacto.
O curso está dirixido a persoas usuarias de M365 ou administradores de M365, interesadas en mellorar os procesos e optimizar operacións dentro das súas organizacións.
Empregarase un enfoque eminentemente práctico, onde os conceptos teóricos preséntanse de maneira dinámica a través de exemplos desenvolvidos en tempo real pola instrutora durante as sesións.
Ademais, gravaranse as sesións para poder visualizalas de forma ilimitada unha vez rematadas.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Selenia Blanco, grao en Psicoloxía, Mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria e Mestrado en Recursos Humanos pola Universidade de Santiago de Compostela. Apaixonada das persoas e a tecnoloxía: máis de 8 anos traballando na xestión do talento, a innovación tecnolóxica e na optimización de procesos, combinando sempre unha visión estratéxica e habilidades prácticas na xestión e desenvolvemento de equipos multidisciplinarios. Selenia atesoura unha experiencia de máis de 7 anos na área de RR.HH. como técnica e como directora da División Tech. Recentemente responsabilizouse da xestión da área de Negocio de Intelligent Applications en Verne Tech, velando pola xestión do talento, do desenvolvemento do ciclo completo de proxectos e promovendo a innovación nas tecnoloxías propias do departamento: Power Platform, Intelixencia Artificial Xenerativa, Copilot e modernización de aplicacións.