En liña unha nova edición do catálogo Films from Galicia

martes, 15 de abril do 2025 S. P.

A Xunta lanzou a nova edición do seu catálogo Films from Galicia, que ofrece unha completa panorámica da actual produción galega de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e feiras do sector a nivel internacional. A compilación de 2025 reúne 62 novos títulos do audiovisual galego, dos que 14 foron estreados recentemente e os 48 restantes están ultimando a súa próxima chegada á gran e pequena pantalla. Tamén son 48 as producións desta escolma que contaron con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través dalgunha das liñas de subvencións ao sector que xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
É o caso das dúas películas que veñen de marcar un fito para o audiovisual galego coa súa selección na Sección Oficial do Festival de Cannes (Sirat, de Oliver Laxe, e Romería, a película que Carla Simón rodou na provincia de Pontevedra), así como dos últimos traballos de cineastas como Noemí Chantada, Santos Díaz, Anxos Fazáns, Andrés Goteira, Ángeles Huerta, Lois Patiño, Sandra Sánchez, Ángel Santos, Diana Toucedo ou Alfonso Zarauza, entre moitos outros.
Todas as producións (30 películas de ficción, 21 documentais, catro obras de animación e sete formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os contactos para a venda e distribución. Inclúe, así mesmo, unha listaxe das correspondentes compañías produtoras.
Como en anos anteriores, a publicación edítase en inglés, con versión física e dixital interactiva, e acompáñase dun vídeo promocional para o que, neste caso, se conta coa música do grupo galego De Ninghures co tema O último baile, inserido no seu novo traballo discográfico.
A través da marca Films from Galicia, o Goberno galego quere contribuír “a impulsar a proxección exterior do noso audiovisual, así como a poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír á difusión de Galicia como escenario de rodaxe”.
Esta compilación compleméntase coa das curtametraxes do catálogo en liña Shorts from Galicia, que comezou a difusión da edición de 2025 o pasado mes de febreiro durante a celebración do mercado profesional asociado a festival de Clermont-Ferrand, tamén en Francia.