En marcha AGASINT, a fronte común das nosas firmas de sistemas intelixentes non tripulados

martes, 13 de setembro do 2016 Redacción

Santiago acolleu este luns a constitución formal de AGASINT, a Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes Non Tripulados. A entidade, fronte común dun sector emerxente na nosa terra, xunta unha ducia de empresas galegas co obxectivo común de impulsar definitivamente a súa actividade en territorio galego e estatal. Actividade que, como lembraremos, céntrase en cousas como o desenvolvemento de vehículos terrestres, acuáticos e aéreos (drons) tripulados de forma remota e as tecnoloxías de seguimento, control e mobilidade que os acompañan.
Segundo se fixo saber, a entidade establecerá a súa sede en Lugo, na Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), que previamente apoiou a redacción do texto estatutario da asociación. A idea desta integración na CEL é “fomentar o aproveitamento de sinerxías con empresas doutros sectores de actividade da provincia e a proximidade co polo de drons das Rozas, ao que as compañías de AGASINT están fortemente ligadas”.
Concretamente, as empresas que promoveron a creación desta asociación son 3edata (Marco A. Rubinos), Aerial Works (Jose Manuel Miranda), aeroMedia U.A.V (Aquilino Abeal), Cartogalicia (Marcos López), Computer-3 (Manuel Pérez Masero), Fobos Solutions (Marcos Carrera), Fortop (José Manuel Vázquez), Hardrone (Gonzalo Cabo), Insitu (Pedro Arias), Indesnor (Santiago Mesías), Norvento Enerxía (Domingo Ramalleira) e Técnicas de Soft (Juan Jesús Pardo).
A directiva estará constituída polo docente e investigador da Universidade de Vigo Pedro Arias Sánchez, da firma Insitu, que estará acompañado por un vicepresidente primeiro (Aquilino Abeal de aeroMedia U.A.V.), un vicepresidente segundo (Marcos López de Cartogalicia), un secretario (Marco Rubinos de 3edata), o tesoureiro (Santiago Manuel Mesías de Indesnor) e tres vogais (Gonzalo Cabo de Hardrone, Marcos Carrera de Fobos Solutions e José Manuel Vázquez de Fortop).
Respecto dos obxectivos, amais de promover as aplicacións dos vehículos terrestres, acuáticos e aéreos tripulados de forma remota, AGASINT xorde para “pular o regulamento relativo aos devanditos sistemas, fomentar a investigación mediante a colaboración entre empresas e centros de investigación, impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías susceptíbeis de seren incorporadas aos ditos vehículos, fortalecer o desenvolvemento das aplicacións, facilitar a exportación de produtos desenvolvidos ou fabricados en Galicia e traballar a prol da creación dun polo industrial en Galicia dentro deste sector económico, entre outros.
Segundo fai saber o docente e investigador Pedro Arias (Uvigo) a propósito da formalización da entidade, un dos retos fundamentais de AGASINT será emendar e paliar os baleiros existentes en materia de transferencia de coñecemento na nosa terra. Ao seu xuízo, “debe existir sempre un contacto fluído entre a universidade a empresa”. E engade: “Desde a asociación agardamos contribuír a amañar esta situación”. Arias considera que o tecido de centros tecnolóxicos existente ao carón da Universidade de Vigo, Cinae, CTAG, Gradiant, Aimen ou Cetmar “fan que a nosa universidade poida ser actor clave para articular sinerxías no sector”.

PUBLICIDADE