En marcha agasallo.eu para promover os regalos en galego neste Nadal
venres, 17 de decembro do 2010
Chega o Nadal e chegan as compras, para algúns
unha ilusión de primeira orde e para outros unha condena. Esta lea de dar e
recibir pódese levar a cabo de diversas maneiras, pero se cadra unha das máis
axeitadas sexa facelo cos pés na terra e promovendo e apoiando certos elementos
propios da nosa contorna. Por exemplo a lingua. Sobre isto precisamente, sobre
o pulo ao idioma na campaña de Nadal, está a traballar a Área de Normalización Lingüística
da Deputación da Coruña, en colaboración coa Coordinadora de Traballadoras/es
de Normalización da Lingua (CTNL). Este traballo vén de dar un froito en liña,
a web agasallo.eu, unha proposta dixital na que se
achegan suxestións de regalos en galego para o tempo de Nadal.
A páxina, por certo, acompáñase coa publicación
de 45.000 exemplares en papel dunha guía co mesmo nome, Agasallo, e que se
dedica tamén a promover o uso da lingua nas campañas de compras ligadas aos
vindeiros días de festividade. As guías e a web, máis polo miúdo, inclúen unha
escolma de novas creacións e produtos, libros, discos, aparellos electrónicos,
fragrancias, camisolas, cinema e xogos.
