En marcha as aulas con reforzo Wi-Fi da USC e máis da UDC
luns, 1 de xuño do 2020

- Equipamento TIC na USC, nunha imaxe de Santi Alvite
A
Universidade
de Santiago e a Universidade da Coruña porán a disposición do
alumnado galego aulas con acceso á Rede para que poidan realizar as
súas probas de avaliación. Estes espazos con reforzo Wi-Fi
estarán situados nos Campus de Lugo, Santiago, A Coruña e Ferrol,
co único requirimento de que se solicite previamente o seu uso e se
acuda cun equipo portátil propio. Estas aulas únense
á oferta de postos realizada pola Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a semana pasada, que, xunto coa
FEGAMP e as universidades galegas achegarán ao alumnado
universitario as aulas da Rede CeMIT de diversos concellos para levar
a cabo as devanditas probas.
Volvendo
ás aulas presentadas pola USC e a UDC, son froito dun acordo entre
as dúas universidades. Segundo sinalan, o alumnado de cada unha
delas poderá utilizar instalacións destas dúas institucións en
función das súas necesidades. No caso das Aulas da USC, estarán
emprazadas na sala Norvet da Facultade de Veterinaria de Lugo e na
sala de lectura da Facultade de Dereito de Santiago. Na Universidade
da Coruña, o alumnado poderá achegarse a calquera dos puntos de
acceso nos campus de Riazor, Elviña ou Esteiro. Para realizar a
reserva en calquera delas nas datas que fora preciso, as persoas
interesadas so deben cubrir o conseguinte formulario.
