En marcha un blog para axudar ás persoas maiores a manterse activas e comunicadas

luns, 18 de maio do 2020 S. P.

O Goberno galego puxo en marcha unha bitácora dixital para mellorar a calidade de vida das persoas maiores nestes tempos de restricións á actividade presencial. Trátase do blog O centro de día na casa, que permite aos usuarios manterse en contacto e activos e que lles achega guías de coidados e actividades para a súa saúde física e mental. A iniciativa vai dirixida ás persoas maiores que desde o 13 de marzo non poden acudir a estes centros, por mor da emerxencia sanitaria pola COVID-19.
Os contidos foron desenvolvidos polos integrantes do departamento de Xerontoloxía dos centros de día da Consellería de Política Social, co obxectivo de que as familias teñan á súa disposición materiais necesarios para que os maiores continúen as actividades que realizaban nos centros desde a casa e teñan un método de entretemento e envellecemento activo.
As actividades están centradas na estimulación cognitiva, en compartir experiencias e anécdotas e realizar exercicio físico. Ou sexa, que o que se busca é “reproducir en pequena escala o día a día das persoas maiores que acudían a estes centros desde a súa casa e coa axuda dos seus familiares”.