En marcha un espazo web con toda a información sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos
xoves, 23 de marzo do 2023
A
celebración (o vindeiro 12 de outubro) do centenario da fundación
do Seminario de Estudos Galegos, a institución científico-cultural
de principios do século XX integrada por intelectuais galeguistas
para estudar e divulgar o patrimonio cultural e lingüístico da nosa
Comunidade, será un dos grandes eventos culturais deste ano 2023.
Así
o fixeron saber en rolda de prensa o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, a presidenta do Consello da Cultura
Galega, Rosario Álvarez, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo,
a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a secretaria
da Real Academia Galega, Margarita Ledo, que expuxeron as actividades
previstas. As celebracións serán achegadas pola Xunta, o CCG e unha
ducia de entidades e institucións da nosa terra. A axenda vén cunha
vintena de accións que se desenvolverán ao longo deste ano e
principios do que vén.
Proxecto de país
Na
presentación e a respecto da axenda, Rosario Álvarez comentou que
se trata “dunha programación concibida como un proxecto de país,
conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades”
apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Idea na que
tamén incidiu Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega
quen engadiu que “o Seminario foi un operador da idea de país na
que foi a nosa década marabillosa”. Pola súa banda, Concha
Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou que o SEG foi
“unha organización para o estudo do país, para o país e polo
país”.
A
programación, que arrinca esta semana e se estende ao longo do ano,
pódese consultar nun
espazo web creado especificamente para a ocasión, dentro da páxina
do Consello da Cultura.
O
CCG asumiu as funcións de coordinación ao facilitar o dito espazo
web, que acubilla todas as actividades programadas ao longo deste
ano, que se poden agrupar en cinco grandes bloques. “A programación
busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG ao
tempo que reivindica a vixencia do seu legado”, explicouse na
presentación.
Cinco grandes bloques
- As e os participantes na presentación das actividades do centenario
O
primeiro bloque da programación ten que ver coa investigación e a
divulgación e toma a forma de congresos, seminarios e conferencias.
As actividades pretenden “evocar o papel e a pegada cultural do
labor do SEG e a participación feminina nel, así como a memoria e
homenaxe dos principais protagonistas en diferentes localidades”,
explicouse.
En
outubro, coincidindo co mes en que se fundou o Seminario,
concéntranse varias actividades: o Museo de Pontevedra organiza
durante ese mes un ciclo de sesións monográficas no que fará un
repaso das figuras máis significativas do SEG en Pontevedra; pola
súa banda, o Consello da Cultura Galega desenvolverá os días 10 e
11 de outubro outro congreso para afondar nas cuestións históricas
e culturais vencelladas ao Seminario.
A
segunda liña de traballo son os proxectos expositivos. A Xunta de
Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura, proxecta para xuño
a mostra Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos
Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares. A
exposición está concibida como celebración do centenario da
fundación do SEG, pero tamén como unha posta en valor dunha obra
colectiva que tratou de actuar de acordo coas esixencias do seu tempo
para lograr a modernización da cultura galega e a súa proxección
exterior. A Biblioteca de Galicia peneirará os seus fondos para
organizar unha mostra bibliográfica sobre a conmemoración. Ademais,
o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que conserva seis
volumes dos arquivos do SEG procedentes dos fondos da Comisión de
Monumentos, exhibirá con periodicidade mensual cada un deses volumes
no seu proxecto divulgativo A peza do mes.
Os
membros do SEG crearon un innovador e xenuíno sistema de
investigación que denominaron “xeiras”. As seccións do
Seminario acordaban estudar unha comarca e todos os membros
dispoñíbeis desprazábanse, arredor dunha semana, para traballar
directamente e ao mesmo tempo sobre o terreo, co obxectivo de aplicar
un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar.
Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos e romarías,
realizaban análises xeolóxicas… e o resultado deses estudos
recollíase nun volume. Nesta terceira liña de actuación recupérase
o espírito das xeiras coa proposta de itinerarios, roteiros e
visitas guiadas relacionadas co SEG. A Universidade de Vigo ten
programadas dúas xeiras (unha en Allariz e outra en Ribadavia) e o
Museo de Pontevedra organiza outra na comarca de Deza. A Universidade
de Santiago ofrece dúas visitas guiadas arredor da obra de Isidro
Parga Pondal e Luís Iglesias Iglesias polas salas do Museo de
Historia Natural da USC, vencelladas coa Sección de Ciencias do
Seminario.
A
cuarta liña de acción son as publicacións. O Museo de Pontevedra
presentará unha edición facsimilar do Romance dunha fatal
ocasión, poema dedicado a Castelao polos membros do SEG en 1935.
Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) publicará en dous
volumes unha recompilación de escritos sobre o idioma producidos
entre 1916 e 1936, dúas décadas que marcaron notables avances para
o galego nos que o Seminario tivo moito que ver, xunto ás Irmandades
da Fala e o grupo Nós, actores culturais todos eles imbricados entre
si. Ademais, a Xunta de Galicia reeditará dous libros: Testemuñas
e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos
(Edicións do Castro, 1977), que recolle a perspectiva sobre o SEG de
distintos persoeiros relevantes da cultura galega; e Terras do
Deza, que difunde os traballos de recollida que os membros do SEG
fixeron na comarca de Deza e que estaban en proceso de edición antes
da Guerra Civil.
O
último bloque de traballo son os recursos materiais (audiovisuais,
sonoros, documentais…) que permitirán completar a información
sobre o Seminario. Dentro desta liña inclúese o
portal Álbum
de Galicia do Consello da Cultura Galega, que incorpora esta
semana sete novas entradas, coas que chega xa a 65 biografías de
homes e mulleres vencellados ao SEG.
O Seminario de Estudos Galegos
O
Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), fundado o 12 de outubro en
Ortoño (Ames), foi unha institución científico-cultural de máxima
relevancia ligada á Universidade de Santiago que integrou, durante
os seus 13 anos de vida, a profesores e alumnos universitarios, así
como a intelectuais galeguistas da Xeración Nós e das Irmandades da
Fala.
Estruturada
en 14 seccións, a entidade acadou os 200 socios activos e preto de
400 socios protectores, ao tempo que publicou 150 traballos de
investigación centrados, sobre todo, na Historia, Prehistoria,
Arqueoloxía, Historia da Arte e Etnografía e Folclore. Neste senso,
foi a única institución que realizou, de forma continuada e en
Galicia, investigacións nas ditas disciplinas, colaborando, ademais,
con algunhas das entidades científicas e culturais máis renovadoras
da España do momento.
Entre
as obras máis destacadas publicadas pola institución cabe citar, no
eido da literatura, Cousas I e II (1926-1929), de Castelao, e
Na noite estremecida (1926) e A rosa de cen follas
(1927), de Ramón Cabanillas; e en ciencias sociais, A Edade do
Ferro na Galiza (1924), de Florentino Cuevillas; Síntesis
Xeográfica de Galicia (1926), de Otero Pedrayo; As cruces da
pedra na Bretaña (1930), de Castelao; o estudo interdisciplinar
Terra de Melide (1933) ou o Corpus Petroglyphorum
Gallaeciae (1935), de Ramón Sobrino Buhigas.
O
Seminario de Estudos Galegos foi unha realidade grazas ao impulso de
nove estudantes mozos (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza-Brey,
Xosé Pena Pena, Xulián Magariños Negreira, Ramón Francisco Romero
Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío
Fernández e Ramón Martínez López) de distintos cursos da
Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando
Cotarelo Valledor.