En marcha unha tenda en liña que leva a Lonxa de Vigo ás nosas casas: Sinescama
mércores, 27 de decembro do 2023
O
panorama da innovación galega achegou nesta recta final de ano unha
novidades relacionada coa mar que reivindica a calidade dos nosos
produtos frescos. Trátase de Sinescama,
unha innovadora tenda en liña que, segundo os seus impulsores, “leva
até a nosa cociña a frescura inigualábel da Lonxa de Vigo, a maior
de toda Europa”. Os envíos faranse sempre en menos de 24 horas,
sinalan dende a empresa de Nigrán.
Con
esta plataforma “redefinimos a experiencia culinaria cunha coidada
selección de peixes e mariscos”, engaden, salientando que o camiño
da súa tenda online está despexada de intermediarios, “polo
que podemos garantir prezos ao alcance de todas as economías e unha
calidade de produto insuperábel”.
A
oferta é moi ampla e os peixes de tempada cobran especial
importancia. Por unha banda, atopamos peixes máis accesíbeis e de
diario como a pescada, o rapante ou a sardiña; e pola outra, peixes
máis enfocados a datas como as que gozamos estes días especiais
como a rabada (rape), o rodaballo ou as robalizas. A oferta de
marisco tamén é moi variada, podemos atopar nécoras, centola,
camarón ou vieiras, entre outras opcións. Ademais, a proposta
complétase con produtos elaborados, como o polbo cocido.
Sinescama
ofrece a posibilidade de personalizarmos os pedidos segundo as nosas
preferencias. “En toros, en lombos, en filetes ou sen cabeza, cada
peza prepárase a medida, ofrecendo unha experiencia próxima como a
atención personalizada do teu peixeiro de confianza”, explican,
engadindo que é posíbel programar as entregas ou facer encargos
para un día concreto.