Os días pasados tivemos ocasión de coñecer mellor unha das xoias patrimoniais máis esquecidas de Santiago, en parte polo desleixo das administracións (que pouco teñen feito para reivindicalo e amosarllo como se merece á cidadanía), en parte porque non se trata dun edificio que chegase a nós tal como foi (foi tirado abaixo nas revoltas irmandiñas) e que estea emprazado nun escenario ideal para a súa visita (por alí a poucos metros pasa unha estrada, a que une Santiago con Milladoiro, que anima ben pouco a deixarnos caer por alí). Falamos da antiga fortaleza medieval da Rocha Forte. E falamos tamén da web rochaforte.info, unha boa oportunidade para despexarmos dúbidas sobre o que foi un dos grandes edificios representativos de Compostela.
A páxina ao servizo de público en xeral e seareiros e profesionais da investigación histórica e arqueolóxica, foi desenvolvida pola empresa A Navalla Suíza e impulsada polo Concello de Santiago co obxectivo de promover o castelo e a contorna dende o punto de vista patrimonial e tamén turístico. A web, un produto ben sorprendente polos elementos que xunta (ten ingredientes de xogo, de cómic e de produto de animación, e non desaproveita ningunha das oportunidades didácticas e lúdicas que se lle brindan para sorprender ao internauta con todo o relacionado co castelo, que dá para moito), acompáñase coa publicación dun libro, Rochaforte, que está a disposición da cidadanía nos centros socioculturais composteláns e que tamén se pode descargar da dita web. O Concello investiu nestas iniciativas de promoción 53.000 euros, os cales insírense nun orzamento integral de 1 millón de euros achegado polo Ministerio de Educación. A web artéllase en catro elementos básicos: Historias (a través do cal podemos visitar o castelo e dar conta das estancias e dos obxectos, personaxes e acontecementos que ten acubillado), Mapas (temos acceso a percorrido histórico polos recantos do castelo), Biblioteca e O Proxecto. Esta última parte inclúe datos de tipo técnico encamiñados a facilitar os traballos históricos relacionados coa fortaleza.
En marcha unha web para a achegarnos aos acontecementos que acubillou o Castelo da Rocha Forte de Santiago
Compartir Este Artigo
